Abacates recheos ao forno

Sei que en galego o xeito “oficial” é aguacate. Pero, igual que os cacaués a palabra abacate gustame moito máis! Moi populares dun tempo a esta parte, os abacates son moi nutritivos e teñen propiedades antioxidantes. O truco é atopalos bos e que non haxa que pagar unha letra da hipoteca por eles (nesta ocasión só puiden cumprir o primeiro, ¬¬U). Nota: Se tendes a sorte de ter ovos de paspallás, é o momento perfecto para usalos (no canto dun de galiña).

Esta receita dalle un toque quentiño que presta moito no inverno, e se non vos gusta o touciño podedelo cambiar por queixo feta ou noces! Para ver máis pratos lixeiros, probade esta receita de ensalada grega de garavanzos, ou esta crema de batata e cenoura.

Ingredientes (para unha ración)

Un abacate

Un ovo grande

2 tiriñas de touciño (ou un anaco de queixo feta)

Un chisco de sal

  1. Quecemos o forno a 170º
  2. Pasamos o touciño pola tixola ata que quede crocante. Reservamos.
  3. Metemos o ovo nun vaso e pinchámolo cun garfo, sen bater.
  4. Abrimos o abacate en dúas metades e quitámoslle o óso. Cunha culler facemos o oco un pouco máis grande (reservamos a carne que sobre).
  5. Botámoslle sal ao abacate e enchémolo co ovo, sen que chegue e rebosar.
  6. Cocemos durante 15-20 min na parte superiori do forno, ata que ovo calle e o abacate teña pintiñas douradas.
  7. Decorámolo co touciño e o resto da carne.

Que aproveite!

abacate-forno-2


Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *