Albóndegas de polo e ananás

Como gusto das albóndegas! Despois de facelas con mostaza e con xamón, quería probar algo distinto, así que aquí vai unha proposta moi orixinal e ademáis, lixeira. Parece que leva moitos ingredientes pero ao final non son tantos, algúns repítense 😉

Estas albóndegas de polo con ananás tamén se coñecen coma “estilo teriyaki”, pero non sei moi ben a historia… O caso é que están boísimas, o mollo é moi gorentoso, seguro que non queda nada porque todo o mundo anda a rebañar nel! A receita orixinal atopeneina en inglés, é esta, aínda que un pouco máis sinxela.

Ingredientes (para 16-18 pezas)

400 gr. de carne picada de polo

3 rodas de ananás en conserva 

Miolos dunha rebanda de pan

125 ml. de leite quente

1 cebola tenra

1 dente de allo pequeno, ben picado

1 ovo

4 culleres de “panko”, ou no seu defecto, pan relado

1/4 culleriña de sal

1/4 culleriña de pementa negra moída

Aceite de xirasol para untar a bandexa do forno

Ceboliño picado, para a decoración (opcional)

Para o mollo:

3 culleres de prebe de soia

80 ml. de auga

80 ml. de zume de ananás (o da conserva vale ben)

60 gr. de azucre de caña

1 culler de Maizena + 1 culler de auga morna

1 culleriña rasa de xenxibre en po (opcional)

1 dente de allo pequeno, picado

  1. Prequentamos o forno a 180º.
  2. Engraxamos a bandexa do forno con aceite de xirasol, axudándonos cun pano de papel.
  3. Quecemos o leite nunha taza e metemos o pan dentro, para que chunche o líquido.
  4. Nun bol grande mesturamos todos os ingredientes das albóndegas (agás o ceboliño), tendo conta de que estean ben picados. O ovo é mellor botalo batido.
  5. Prequentamos o forno a 180º.
  6. Remexemos coas mans ata mesturar todo. Ha quedar unha masa moi húmida, pero é normal. Se non sodes quen de facer albóndegas con ela, engadide un pouco máis de panko.
  7. Cunha culler sacamos bolas de masa e facemos bolas duns 4 cm. de diámetro. Colocámolas na bandexa, e deixámolas cocer no forno durante 20 minutos, aproximadamente.
  8. Para facer o mollo, quentamos todos os ingredientes nunha tixola, menos a Maizena.
  9. Disólvemos a Maizena cun pouco de auga e botámola no resto do mollo, así non quedarán grumiños. Deixamos quecer 5 minutos máis a lume medio.
  10. Colocamos as albóndegas nun prato, vertemos o mollo por riba e decoramos cun pouco de ceboliño en anacos. Servimos inmediatamente.

albondegas_polo

Que aproveite!


Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *