Arepas fritidas recheas de lacón e grelos

As arepas son un prato moi popular en Colombia, Panamá e Venezuela, o típico prato que causa infinidade de leas sobre cal é a máis aunténtica, cal está máis rica, etc. 😀 Pódense facer de catro xeitos: asadas, á grella, fervidas ou fritidas. Son moi doadas de facer, e pódense gardar dun día para outro.

Co gallo do amistoso da selección galega de fútbol contra Venezuela, aproveitamos para facer unha mestura de receitas das que me gustan a mín, coma os arancinis de lacón, ou a pizza de queixo Cebreiro. Para facer as arepas utlicei a fariña PAN amarela, moi doada de atopar nos supermercados (e que serve tamén para rebozar filetes, con fantásticos e crocantes resultados!) e para que fosen máis cremosas, boteille queixo en crema San Simón, que podedes substituir por calquera queixo cremoso graxo, tipo Camembert. A cantidade vai ao gusto de cada un.

Ingredientes (para 8 arepas, aproximadamente)

180 de fariña de millo PAN

250 ml de auga morna

1 culleriña rasa de sal

Aceite de xirasol para fritir

Para o recheo

200 gr. de lascas de lacón

150 gr. de grelos en conserva

Queixo San Simón (ou outra variedade) en crema

  1. Nun bol ou cunca grande mesturamos a fariña, a auga e o sal. Remexemos cas mans ata formaren unha pasta da consitencia da plastilina. OLLO: esta fariña tarda un pouco en absorber a auga, ide botándoa aos poucos, para asegurar que quede ca consistencia correcta. Pode ser que teñades que engadir un chisco de auga ou de fariña, o caso é que non se peque nas mans e non esfarele. Deixamos repousar 5 minutos.
  2. Quecemos o aceite nunha tixola grande, que chegue ata un pouco máis arriba da metade, para que cubra as arepas.
  3. Facemos cas mans bólas do tamaño de 4 cm de diámetro, aproximadamente.
  4. Aplastámolas cas mans ata formar unha torta de 8 -10 cm. de diámetro e 1,5 cm. de grosor, pinchámolas no medio cunha agulla de calcelar ou un coitelo afiado. O burato ten que atravesar a arepa, para que pase o aceite.
  5. Frímolas na tixola dándolle voltas ata que queden ben douradas. Retíramolas nun prato con panos de papal para que solten o exceso de graxa e deixamos arrefriar durante 10- 15 min. OLLO: saen moi quentes.
  6. Abrímolas pola metade e enchémolas co queixo en crema, grelos e lacón.

Que aproveite!

arepas_lacon_1

arepas_lacon_2


Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *