Macarróns ao forno con queixo - Mac'n'cheese

Esta é unha receita moi típica nos EEUU e Canada, tan típica que ata a venden feita en sobres para levar de camping ou facer de emerxencia un día de resaca. Coma todas a receitas populares, ten moitísimas versións: con bechamel, con manteiga ao final, con ou sen costra por riba, no forno ou na tixola... Eu fixen unha adaptación desta de The Guardian, porque gustei do toque da mostaza e porro.

Hai tempo que publiquei outra receita de pasta ao forno, típica de Sicilia. Botádelle un ollo porque tamén estaba deliciosa, e pode solucionarvos unha comida de domingo ;)

Ingredientes (para 3/4 racións)

150 gr. de pasta con cavidades: mellor usar tiburóns

225 ml. de nata para bater (35% MG)

125 ml. de leite gordo

125 ml. de mozzarella (da relada en sobres)

90 gr. de queixo parmesán relado

40 gr. de queixo Emmental ou Gruyère

40 gr. de pan relado, ou Panko

1 culleriña chea de mostaza de Dijon

1 porro grande

15 gr. de manteiga

Sal e pementa negra

  1. Cocemos a pasta segundo as instruccións do fabricante para que quede "al dente"
  2. Mentres,  poñemos nun bol grande a nata, o leite, a metade da mozzarella, a metade do queixo parmesán e a mostaza. Remexemos ben.
  3. Cando a pasta estea fría, botámola no bol e deixamos repousar 2 horas, aproximadamente.
  4. Mentres, cortamos o porro en rodas moi finas, e fritímolo a lume medio na manteiga con ben de sal e pementa ata quede un pouco dourado e transparente. Engadímolo ao bol, aos poucos, e remexemos.
  5. Mesturamos o resto do parmesán co pan relado.
  6. Prequecemos o forno a 200º.
  7. Botamos o resto do queixo na mestura e colocámola a nunha bandexa de forno. Cubrimos ca mestura do paso 5 e cocemos durante 20-25 minutos, ata que doure e teña burbullas saíndo por riba.

Que aproveite!

maccheese3

maccheese4

maccheese5


Pasta con grelos e salchichas

Os grelos son un dos clásicos do inverno, e despois de facer a receita dunha lasaña, continuamos a "italianizar" este ingrediente tan galego.

Aínda que é bastante coñecido que os grelos se usan noutros lugares para alimentar o gando, hai moitos sitios onde a xente tamén os come, entre eles , Nápoles. Alí chámanos friarelli e cómense refogados en aceite e allo, na pizza ou con pasta, coma nesta receita, que é unha adaptación doutra que atopei por Internet (normalmente poño a ligazón, pero desta vez non me lembro). Para facelo usei orecchiette, que son  típicos do sur de Italia, pero calquera pasta curta valerá: laciños, tiburóns, etc

Se queredes facer máis pratos de inspiración italiana, podedes probar esta receita de aracinis de lacón e queixo, ou esta outra de pasta con espinacas e mascarpone. E de sobremesa, un infalible tiramisú.

Ingredientes (para dúas racións grandeiras)

400 de grelos frescos

160 gr. de pasta

2 salchichas frescas

1 dente de allo

1 cápsula de caiena (opcional)

Sal e pementa negra

3 ou 4 culleres de aceite de oliva virxe extra

Queixo parmesán

  1. Lavamos os grelos e cortámoslles o tallo e retiramos as follas amarelas, se as houbese.
  2. Cocemolos en auga fervendo durante 10 minutos. Escoámolos gardando a auga nun recipiente, ímola usar para cocer a pasta.
  3. Cocemos a pasta segundo as instruccións, deixando que quede "al dente", xa que despois ímola cocer un pouco máis.
  4. Nunha tixola grande botamos o aceite a quecer. Pelamos e cortamos o allo en láminas e fritímolo ata que quede dourado. Engadimos as salchichas cortadas en anaquiños e as sementes que haxa na guindilla de caiena e cociñamos durante 5 minutos  a lume medio.
  5. Cando as salchichas estean feitas, engadimos  os grelos, remexendo ben para que  se mesture todo. Despois botamos a pasta, mesturamos todo e servimos ben quente cun pouco de queixo por riba.

Que aproveite!

pasta_grelos_2


Pasta con espárragos verdes e cogumelos

Unha das cousas que a xente me pide máis son receitas vexetarianas. A pesares do nome do blog, a min tamén me gusta comer sen carne de cando en vez, así que aquí vai outra máis ao apartado. Tamén lle podedes botar un ollo á pasta con espinacas e mascarpone, non vos ideas arrepentir! E se sodes veganos, á crema rubia de verduras ou a estas galletas veganas de espelta e dátiles!

Ingredientes (para 2 racións)

160 gr. de pasta

8 espárragos verdes

1/2 bote de cogumelos en conserva (máis ou menos 150 gr)

1 dente de allo

3 culleres de aceite de oliva

100 ml. de nata para cociñar (18% MG)

Sal e pementa

Queixo relado, para decoraren

  1. Cocemos a pasta segundo as instruccións do fabricante. Para ver consellos, lede este artigo con 5 truquiños ;).
  2. Nunha tixola quecemos o aceite de oliva a lume medio.
  3. Cortamos o allo en láminas finiñas, o máis que poidamos.
  4. Botamos o allo a dourar, e mentres cortamos os espárragos, xa lavados: Primeiro cortámolos ao longo e despois en anacos de 2-3 cm. Botámolos na tixola, cun chisco de sal e pementa, e remexemos para que vaian dourando.
  5. Cortamos os cogumelos en anacos de 2-3 cm, e botámolos na tixola. Deixamos cocer un par de minutos e engadimos a nata. Neste punto baixamos o lume ao mínimo e deixamos repousar cinco minutos. A nata ha ir secando un pouco, é normal:pasta-esparragos-1
  6. Despois de escoar a pasta, metémola de volta na pota xunto co contido da tixola, remexemos un pouco e servimos ben quente.
  7. Decoramos os pratos cun pouco de pementa e queixo relado, mellor se é forte, como o curado de cabra.

Que aproveite! pasta-esparragos-3


Chocos guisados na súa tinta

Hai xa un tempo que non temos receitas de peixe e marisco, pero recuperamos o tempo perdido con esta delicia! Os chocos son doados de cociñar, mais precisan moita paciencia, xa que a súa carne ten que cocer moito para quedar brandiña. Para facer esta receita teredes que avisar na peixería que que volos limpen ben e garden a tinta nunha bolsiña aparte.

Para os que non queirades cociñar, pero si probar este marabilloso produto, podédevos acercar á famosa festa do choco de Redondela, unha das máis senlleiras de Galicia: o ano que vén cumprirá 30 anos!

Ingredientes (para catro racións)

1 quilo de chocos, cortados en rodas,  ca súa tinta

1 cebola grande, ben picada

4 ou 5 culleres de aceite de oliva

1 vaso de viño branco

1 vaso de auga

3 dentes de allo

Unha culleriña de sal e perixel ao gusto

  1. Nun morteiro metemos o sal, o perixel e os dentes de allo cortados en anacos. Esmagamos todo xunto ata facer unha pasta.
  2. Quentamos o aceite de oliva nunha tixola grande e pochamos a cebola a lume medio.
  3. Cando estea branda e comece a dourar, engadimos os chocos, a tinta, o viño e a auga.
  4. Deixamos quecer a lume medio unha hora e media, aproximadamente. Se os chocos son grandeiros, un chisco máis.
  5. Servimos acompañados de cachelos ou arroz branco. Para facer arroz dun xeito rápido e sinxelo, mirade esta receita.

Que aproveite!

chocos-1 chocos-3


Lasaña rápida de grelos

Hoxe temos unha receita para todos aqueles que non gustan de cociñar! Esta lasaña está feita a base de precociñados, podería estar no blog de Falsarius chef (moi recomendable, por certo). É tan doada esta receita que pouco se me ocorre que contarvos aparte de que nunca probara os grelos en conserva, están super bos!

Para isto empreguei unha lata de 800 gr. de A Rosaleira, vendéna en moitos supermercados e imaxino que haberá máis marcas con formatos similares. O bechamel podédelo comprar feito, pero está máis bo caseiro, e tendes xa uns trucos para facelo.

Ingredientes (para 5 ou 6 racións)

9 placas de lasaña precocida

750 ml de bechamel

Unha lata de 800 gr. de grelos 

8 culleres de tomate fritido con cebola, de bote.

150 gr. de queixo relado (emmental, cheddar, etc.)

Unha presa de cebola fritida de bote

  1. Escoamos os grelos para retirar o exceso de líquido, pero sen esmagar.
  2. Prequecemos o forno a 180º, por riba e por baixo.
  3. Colocamos 3 placas de lasaña cubrindo a base da fonte e untámolas ca metade do tomate fritido. Botamos a metade dos grelos e a cebola seca por riba, cubrimos todo co bechamel.
  4. Repetimos o paso 3.
  5. Cubrimos cas 3 últimas placas. Botamos o bechamel que quede e por riba, tendo conta para que non quede nengún recuncho seco  e despois o queixo relado.
  6. Cocemos no forno a altura media durante 30-40 minutos, ata que estea dourado.

Que aproveite!

lasaña_1

lasaña_2

lasaña_3