Cinco páxinas de receitas para aprenderes inglés

Ano novo, deseño novo e un artigo un pouco diferente. Uns dos propósitos máis comúns que se teñen nestas datas é perder peso... pero aquí non nos imos ocupar disto :D pero imos con outro bastante popular, que é practicar e aprender inglés. Como a mellor forma de mellorar un idioma é consumir contidos que nos gusten, velaiquí tendes cinco suxestións para ampliar o repertorio de receitas e mais o vocabulario na lingua de Shakespeare:

BBC Food

Unha das máis amplas e coñecidas, o repositorio online da BBC ten miles de receitas, e podense buscar por tipo de dieta, ingrediente ou autor. O que máis me gusta é que como ten tantas visitas, está chea de comentarios que suxiren cambios e alternativas de preparación, que sempre ven moi ben.

Nigella Lawson

Periodista e escritora gastronómica, ten unha páxina con receitas dos seus libros e da comunidade de usuarios. As receitas son sinxelas e adoita ofrecer substitutos aos ingredientes difíciles de atopar, e as cantidades veñen en sistema métrico e imperial. A súa especialidade son os pratos de pasta ultra calóricos e sobremesas de ensoño. Como é habitual en Reino unido cociñar con forno, hai unha sección só para iso, moi recomendable.

Kenmare Foodies

O blog da "cociñeira na casa" e guía gastronómica irlandesa Karen Coakley está cheo de receitas sinxelas e saborosas, a maioría recomendadas para cando vai frío, coma estes cogumelos recheos de queixo. Non hai tanto onde escoller coma nas dúas primeiras páxinas, o cal é bo se queredes unha boa selección de receitas sen vos perder entre seccións.

Basics with Babish

Páxina do chef e comunicador Andrew Rea, é unha compilación de técnicas e receitas básicas en vídeo, entre as que se inclúen cousas coma tacos, preparacións de ovo, pasta rechea... Hai outras máis non-tan-básicas: cocktails, cociñar a baixa temperatura, etc. pero en xeral son moi instructivas e aínda que as medidas están no sistema norteamericano, valen ben para inspirarse ou facerse unha idea para futuras comidas e ceas.

Bon Appétit

Web da veterana revista estadounidense, ten moitas receitas pero tamén artigos de gastronomía e guía de restaurantes por cidades dos EUA. As fotos son marabillosas e a navegación é moi doada, botádelle un ollo á sección "Basically" para inspiración de receitas e cousas sinxelas. Se xa sabedes bastante inglés, recoméndovos encarecidamente o seu canal de Youtube, non ides poder para de ver os vídeos!

PD: Seguramente xa o coñezades, pero non podía deixar de recomendar o blogue de Kukinhas, que está en galego e en inglés e ten receitas tanto galegas tradicionais coma típicas do Reino unido e doutros lugares. Un 10!

As imaxes deste artigo son propiedade das respectivas páxinas. A imaxe que o ilustra é desta receita de Bon Appétit: https://www.bonappetit.com/recipe/chicken-under-a-brick-in-a-hurry


Galletas crocantes de cacaué

Unha das cousas que máis me gustan é mesturar salgado e doce, coma nesta receita. Estas galletas saen riquísimas, e van moi ben cun café con leite ou incluso acompañando a un xeado. Hai dúas cousas a ten en conta: se cambiades o unto por manteiga non van quedar tan crocantes, e os cacaués teñen que ser dos que veñen torrados e salgados, os de casca para pelares non valen (quedaría con moito menos sabor.

Se non vos convence este sabor, ou queredes probar cousas diferentes, pasádevos pola receita de galletas de arandos ou por esta das clásicas cookies de chocolate.

Ingredientes (para 24-28 unidades)

75 gramos de azucre moreno, máis un pouco para a cobertura.

100 gr de manteiga a temperatura ambiente

50 gr de unto de porco, a temperatura ambiente

175 de fariña de trigo

125 de cacaués salgados

Unha culleriña de fermento químico

Un ovo grandeiro

Unha culler de extracto de vainilla

Utensilios: batedora con triturador e variñas, papel de forno, espátula.

  1. Prequentar o forno a 190º.
  2. Nun bol grande, mesturar ca baterdora (cas variñas) o azucre, a manteiga, o unto, o ovo e o extracto de vainilla. Non cómpre darlle moitas voltas, con que quede mesturado vale ben.
  3. Engadimos a fariña e os cacahues. Ainda que pareza que queda moi espeso, é o propio desta masa.
  4. Poñemos o papel na bandexa do forno.
  5. Con dúas culleriñas, poñemos boliñas de masa, a unha distancia de 5 cm. Caberán 12 por quenda, máis ou menos. Neste punto pódense deixar como están e quedarán co centro máis tenro e os bordes crocantes (ver foto). Se queredes que queden crocantes de todo hai que aplastalas cunha espátula, e redondear os bordes para que non queden "pinchos" coma os desta foto (foi a quenda menos crocante):
  6. Botamos un pouco de azucre por riba e cocemos no forno durante 8-10 minutos. Lembrade que as galletas seguen a cocer un pouco ao sacalas, entón non pasa nada porque estean un pouco menos feitas na parte central.
  7. Deixamos arrefriar e gardámolas nun recipiente, estarán boas durante varios días. Son estupendas para acompañar o café ou unhas bolas de xeado de vainilla ou chocolate.

Cales son as vosas galletas favoritas? Que vos parece esta combinación doce/salgado?

 

 


As mellores madalenas?

Idesme perdoar o titular pouco específico, pero de todas as receitas de madalenas que fixen, estas son as que máis me gustan: de sabor e de textura, son marabillosas! Ademáis teñen a vantaxe de que non hai que bater moito nin repousar a masa no frigorífico.

A receita e unha adaptación dunha que vin no Instagram de Aliter dulcia, un obradoiro de Xixón que ten moitas e moi boas receitas. Eu usei metade de fariña de millo, pero podedes cambiala por arroz ou castaña, ou facelo todo con fariña triga, como máis vos guste.

Ingredientes (para 24 unidades)

360 ml. de aceite de oliva virxe extra

300 gramos de azucre, máis un chisco para a cobertura

6 ovos

175 gr de fariña de trigo

175 de fariña de millo

13 gr de fermento químico

Un belisco de sal

Un chisco de canela ou noz moscada

Reladura dun limón (opcional)

Utensilios: batedora de variñas, cápsulas de papel, moldes de madalenas (de silicona ou de metal).

  1. Prequecemos o forno a 225º, arriba e abaixo.
  2. Bater os ovos co azucre a man. Non queremos que a mestura creza, con que estea ben homoxenea vale.
  3. Engadir o aceite de oliva e seguir batendo, despois botamos a fariña o fermento, o sal, a canela e a reladura de limón. Neste punto eu usei a batedora electrica cas variñas a velocidade mínima, porque é moi cansado bater tanto tempo a man.
  4. Encher as cápsulas de papel a unha altura de 3/4. Esparexer un pouco de azucre por riba ata facer unha costra finiña.
  5. Cocer no forno a media altura ata que a costra rompa e estean ben douradas. Levará uns 10 ou 15 minutos, dependendo do forno. É importante non abrilo, porque interrumpiría a "subida" das madalenas.
  6. Sacamos as madalenas e deixámolas arrefriar nunha bandexa de rexas, gardámolas nun recipiente hermético, estarán boas 3 ou 4 días, despois comenzar a secar.

Que aproveite!

 


Ensalada de quinoa, tomate, abacate e xarda

A quinoa é un ingrediente que non me inspiraba moito ao principio (canto tempo hai que está dispoñible, catro ou cinco anos? non sei) pero que cada vez uso máis porque en realidade é moi versátil. A que se vende en tendas ao granel adoita se máis cara (6€/quilo) pero o Lidl ten unha máis barata producida en España que ben vale para o que imos facer. Tamén podedes usala un ollo a esta quinoa con rustrido de lentellas, que fai moito avío para o día seguinte.

Os que sexades vexetarianos podedes cambiar a xarda por queixo feta, o que importa é o punto de salgado que lle dá á ensalada. Outra recomendación é usar un vinagre acedo ou zume de limón, xa que un de tipo doce (Módena) non fai tanto contraste e non queda tan rico.

Ingredientes (para dúas racións)

150 gramos de quinoa cocida

Un tomate grandeiro

Unha lata de xarda en aceite de oliva

Un belisco de sal

Aceite e vinagre ao gusto

Pementa negra (opcional)

  1. Cortamos o abacate pola metade longa, sacamos a carozo e retiramos a polpa cunha culler. Cortámolo en dados. Nota: É importante que todos os ingredientes estean a temperatura ambiente.
  2. Cortamos o tomate tamén en dados, sacamos a xarda da lata e esmagámola cun garfo para facer anacos coma os da foto.
  3. Repartimos a quinoa en dous pratos fondos, facendo un oco no medio para que quede máis bonito despois.
  4. Engadimos o tomate e o abacate, e despois a xarda (ou queixo feta, se optades pola opción vexetariana).
  5. Botamos un pouco de aceite e vinagre, sal e pementa ao gusto.
  6. Servimos!

Que vos parece? Usades moito a quinoa? Para que cousas? Deixade a resposta nos comentarios, ou no noso Twitter.


Fermentando té na casa

Sabiades que se pode fermentar o té? Eu non, e cando oin falar da kombucha, unha bebida típica da zona de Manchuria, en China, tampouco o pensei moito no tema. O caso é que estase a facer popular pouco a pouco e un día un amigo comentoume que tiña un cultivo de sobras e así foi como me puxen co tema.

Neste caso, o té fermentase cun disco que parece un fungo, pero en realidade é unha colonia de lévedos e bacterias, coñecido coma scoby (do inglés symbiotic culture of bacteria and yeast). O resultado é unha bebida levemente gaseosa que sabe un pouco a sidra, está moito máis rica do que o seu aspecto suxire. Ten un pouco de alcol, pero non chega ao 1%.

Para facer a kombucha precisades té, azucre e un cultivo cun pouco de kombucha anterior. Véndense deshidratados por Internet, pero se preguntades en tendas ecolóxicas quizá vos poidan avisar de alguén que volo dea. Cada vez que facemos unha fermentación sae unha colonia nova, pero a vella pódese usar varias veces, así que pronto estará o mundo cheo delas :D

É importante que o té que usedes non leve engadidos, vale té verde, roxo ou negro, pero sen aceites nen froitas nen nada diso. A receita sería así (puxen varias fotos porque o proceso é fascinante e noxento a partes iguais, están ao final do artigo).

Ingredientes para litro e medio de kombucha:

Litro e medio de auga

4 ou 5 bolsiñas de té

100 - 125 gr. de azucre

Unha colonia "scoby" e un pouco de kombucha xa feita

  1. Fervemos a auga e apagamos o lume.
  2. Cando deixe de ferver, engadimos o té e deixámolo estar segundo as instruccións do fabricante.
  3. Engadimos o azucre e remexemos ata que disolva. Deixamos enfriar ata que acade temperatura ambiente.
  4. Botamos a mestura nun recipiente de cristal, e colocamos o scoby: Pode quedar flotando ou fundir, non pasa nada en ningún dos casos.
  5. Tapamos o recipiente e colocamoslle unha rolla limpa ou un pano de papel por riba e tensamola cunhas gomas elásticas.
  6. Deixámolo nun sitio aireado, sen luz directa e cunha temperatura estable que non baixe dos 18 graos. Detrás ou enriba da neiveira adoita ser bo sitio.
  7. Agardamos unha semana, destapamos e apartamos un pouco o scoby (que xa serán dous) e probamos cunha palla de plástico para ver se nos gusta o sabor. Cantos máis días estea, máis ácida e gaseosa quedará.
  8. Cando teñamos o sabor desexado, gardamos os scobys nun tupperware con 100 ml da kombucha. Iso pódese gardar no frogorífico, así estará en estado "durminte" ata a vindeira vez que queiramos facer kombucha. Poden quedar posos, é normal e pódense beber, pero se queredes que quede "limpo", pasádeo por un escoador de tea, dos de facer café de pota.
  9. Aguanta unha semana na neveira, máis ou menos, servímolo frío ou do tempo!
Así hai que tapalo
Os dous discos scoby. Ao final da fermentación sempre van quedar por riba.
Os scoby listos para a vindeira vez
"Kombucha" recén feita, co seu gas.

Que vos parece? Fariades kombucha na casa?

PD: Aproveito este artigo para facer publi de Radio Liverdade, onde colabora o amigo da kombucha (grazas Emilio!), é unha radio comunitaria de Ourense que ten programas ben interesantes :)