Berenxena rechea de carne e queixo feta

Esta receita é unha versión das típicas berenxenas ao forno que tanto se comen en Cataluña e Levante, pero aproveitando un par de cousas que tiña de sobra: ceboliñas e queixo feta. É un prato moi doado de facer, e aguanta ben dous ou tres días no frigorífico unha vez cociñado. Como se pode deducir das fotos, están tremendas!

Ingredientes (para dúas persoas):

1 berenxena grande

2 ceboliñas

150 gr. de picada de vacún

100 gr. de queixo feta

3 culleres de pan relado

5 culleres de aceite de oliva

Sal

Pementa

  1. Cortamos a berenxena pola metade, baleirámola cunha navalla ata que só quede a polpa que está xusto pegada á pel. Nota: para que sexa máis doado, podemos quentar a berenxena enteira 5 minutos no microondas para que abrande a polpa.
  2. Botamos tres culleres de aceite nunha tixola grande e quentamos.
  3. Cortamos as ceboliñas en rodas moi finas, botámolas na tixola e cocemos a lume baixo.
  4. Picamos a polpa da berenxena e engadimos á tixola.
  5. Cando comece a abrandar, botamos a carne salpementada.
  6. Cando a carne estea un pouco feita, engadimos unha culler de pan relado e o queixo feta en dadiños. Remexemos ca culler de pau.
  7. Enchemos as berenxenas co rustrido, cubrímolo co resto de pan relado e botamos unha culler de aceite polos ocos que queden pegados á pel.berenxena2
  8. Co forno xa quente, cocémolas a 170º durante 20 minutos, ou ata que douren por riba.

Que aproveite!

berenxena1


Comments

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *