Estes biscoitos (ou galletas) tan curriños son unha especialidade que se toma polo Nadal en Austria, Bohemia e o sur de Alemaña, pero en Viena teñen tanta sona que se toman todo o ano. O seu nome orixinal é Vanillekipferl e teñen a peculiaridade e de deixar un arrecendo tan bo que ides querer patentalo para que a casa cheire sempre así 😉
Se queredes que queden un pouco máis consistentes podedes engadirlle á masa unha xema de ovo, e tamén noces ou avelás picadas. Como teñen tanta “materia graxa”, aguantan ben nun tupper ben pechado durante un mes. Sen dúbida, un acompañamento ideal para os almorzos e merendas do inverno!
Ingredientes:
250 gr. de fariña
200 gr. de manteiga, tépeda
100 de améndoas moídas
80 gr. de azucre
Un belisco de sal
Para a decoración
3 culleres de azucre glass
3 culleres de azucre avainillado
- Nun bol mesturamos todos os ingredientes da primeira sección, e batémolos ata formaren unha pasta homoxénea.
- Estendemos un film transparente no mesado, que teña polo menos 40 cm de longo. Colocamos a masa no medio, envolvemos e dámoslle forma de cilindro duns 4 cm de diámetro (dándolle voltas), ten que quedar coma na foto:
- Deixamos arrefriar o cilindro na neveira uns 30 minutos.
- Mentres, poñemos o azucre glass e o avainillado nunca cunca grande e mesturámolos cunha culler.
- Prequentamos o forno a 170º
- Retiramos o film e cortamos cun coitelo fino rodas de entre 1 e 2 cm. de largo (grosor) e despois dividímolas en dúas metades.
- Poñemos papel de forno nunha bandexa e colocamos as metades, torcéndoas un chisco polo medio para que parezan medias lúas.
- Cocemos no forno durante uns 20 min., cando comecen a dourar estarán listas.
- Deixamos arrefriar a bandexa 3 minutos e rebozámolos na cunca do azucre. É importante facelo rápido porque se non collerán o azucre. Se quedamos sen mestura, facemos máis rapidamente, se sobra, podémola gardar para a seguinte quenda!
Que aproveite!