Bolachas finas de avea e sementes de cabaza

Aproveito o reto lanzado no Twitter polo usuario Ivan Fontão para traervos unha nova receita de bolachas, que sempre gustan e van ben. Desta vez quería aproveitar uns restos de sementes de cabaza que tiña na despensa, pero se non vos gustan ou non as tenden á man, podedelas substituir por sementes de xirasol, noces ou anacardios. Ou quitalas, van quedar ricas pero menos crocantes.

Os que xa seguides o blog sabedes que temos moita receita larpeira entre biscoitos e galletas, os que non o saibades, podedes botarlle un ollo a esta receita de trigo mouro e noces, estes gorentosos pasteis de dátiles e noces ou estas bolachas de milho brasileiras. Agardo que vos gusten!

Ingredientes ( para 18-20 unidades)

100 gr de manteiga tépeda

100 gr de azucre

1 ovo grandeiro

100 gr de fariña triga

125 gr de avea

Media culleriña de fermento químico

Media culleriña de canela en po

Un belisco (ou dous) de sal

75 gr de sementes de cabaza

  • Nun bol grande botamos a manteiga, o ovo e o azucre. Batemos ata que aclare a cor e teña unha textura cremosa.
  • Engadimos a fariña, os flocos de avea, o fermento, o sal e a maioría das sementes. Batemos ca batedora normal, non cómpre que sexa homoxénea.
  • Prequecemos o forno a 175º e deixamos repousar o bol ca masa na neveira.
  • 15 ou 20 minutos despois facemos boliñas do tamaño dunha noz e decorámolas co resto das sementes. Colocámolas nun papel de forno a 6 cm de distancia unhas doutras.
  • Cocemos no forno uns 8-10 minutos, ata que estean douradas polas beiras. Sacámolas e deixámolas arrefriar.
Ao trasluz
Gardadas no tupper aguantan 4 ou 5 días

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *