Bolos de arroz

Os bolos de arroz xa saíran na reportaxe “Grandes hits de Portugal”, na que falaba das cousas que máis paga a pena mercar no país veciño. Desta vez imos ca receita para facelos na casa, sonvos moi doados de facer: un almorzo perfecto! Tenro a máis non poder, e cun arrecendo que vos ha encantar.

A forma radicional de presentalos é nos moldes de de papel feitos expresamente, dá un pouco de traballo pero paga a pena. Se queredes facer os moldes, collede papel e tesoiras e mirade estas instruccións. Recoméndovos esta opción, xa que canto máis alto sexan, mellor: a masa collerá máis forza para levedar dentro e sairavos a cabeciña redonda, que é o mellor do bolo.

Se pola contra non tendes tempo, podedes empregar os sempre prácticos moldes de silicona para madalenas: a min sobroume un chisco de masa e fixen un con molde, poño a foto ao final para que vexades como queda. En todos os casos, están boísimos!

Ingredientes (para 12 bolos pequenos, ou 6 grandes en molde de papel, aproximadamente)

150 gr. de azucre, máis un pouco para decorar

150 gr. de fariña triga

150 gr. de fariña de arroz

80 gr. de manteiga, a temperatura ambiente

3 ovos

250 ml. de leite gordo (enteiro)

Unha culleriña chea de fermento químico (Royal ou similar)

Pel relada dunha laranxa pequena

Un belisco de sal

  1. Batemos a manteiga e o azucre ata formar unha masa cremosa. É recomendable facelo cunha batedora de varillas.
  2. Engadimos os ovos un a a un mentres seguimos batendo. Despois botamos o leite e a pel relada da froita.
  3. Prequentamos o forno a 180º
  4. Mesturamos as fariñas, o sal e o fermento nun prato e engadímolos a modiño na masa anterior, sempre batendo.
  5. Enchemos os moldes e poñemos o azucre para decorar (que fará un pouco de costra). Cocemos no forno durante 20 minutos, ata que estean dourados por riba.
  6. Deixamos arrefriar antes de comer.

Que aproveite!

bolos-arroz-2bolos-arroz-4

/li


Comments

  1. Ás voltas coa moda
    15/02/2015 - 09:57

    Teñen moi moi boa pinta!!! 😉

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *