Brownies de chocolate e centeo

Os brownies apareceron por primeira vez nos EEUU no século XIX, e as súas orixes comezan na exposición internacional de Chicago. Disque Bertha Palmer, a muller dun famoso hosteleiro da cidade, pediulle ao cociñeiro que fixese unha sobremesa que se pudiese meter nas caixiñas de almorzo que repartían no pavillón das mulleres. O requisito era que fose máis pequeno e doado de comer cas mans que un queique normal. O doce non tiña ningún nome en particular, pero axiña se correu a voz e apareceu nos libros de cociña, chámandose finalmente brownie (“marronciño”) pola súa cor.

Este non é un brownie ao uso: non leva moitos anacos dentro, leva fariña de centeo (que lle dá un sabor marabilloso) e leva pel de laranxa relada. O resultado, non cómpre que volo diga, é espectacular! Eu tomeino con xeado de vainilla, pero podedes usar nata batida, ou tomalo de merenda con café con leite ou té.

Ingredientes (para 8-10 racións)

200 gr. de chocolate negro, 70% de cacau

160 gr. de manteiga sen sal, máis un chisco para o molde

150 gr. de fariña de centeo

4 ovos

90 gr. de azucre

90 gr. de azucre moreno natural (mellor se é mascobado ou demerara)

60 gr de noces ou (améndoas) picadas

Reladura de media laranxa

Un belisco de sal

  1. Prequecemos o forno a 180º
  2. Nunha pota pequena metemos o chocolate en anacos e a manteiga. Derretemos a lume moi baixo, sen deixar de remexer cunha culler de pau.
  3. Nun vaso separamos media clara dun ovo. Deixamolo para o final.
  4. Batemos os 3 ovos e medio co azucre e o sal ata que collan unha cor pálida.
  5. Incorporamos a mestura do paso 3 na mestura do paso 1, batendo a modiño e con movementos amplos.
  6. Engraxamos o molde ca manteiga e enchémolo ca masa.
  7. No vaso do paso 3 engadimos as noces e a reladura de laranxa. Batemos ata que comece a facer montar, non fai falla facer punto de neve pero si ten que subir un pouco.
  8. Cun picel de silicona ou unha culler, estendemos a mestura do vaso por riba da masa.
  9. Cocemos no forno durante 30 minutos, aproximadamente, ata que teña fendas por riba, estea feito polas esquinas e crudiño por dentro.

Deixamolo arrefriar e servímolo do tempo ou morno do micro e…que aproveite!


Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *