Calzone de touciño, pera e gorgonzola

Esta semana temos un prato moi especial, tiña ganas de probalo hai un tempo e quedei moi contenta co resultado! Este calzone é moi doado de facer, pero hai que ter en conta o tempo de fermento, así que é mellor comezar unha hora e media antes de poder comelo. Os vexetarianos podedes aquelar a receita cambiando o touciño por noces ou anacardios, coma nesta quiche que tanto éxito tivo no seu día. Tamén paga a pena probar esta marabillosa receita de Kukinhas: ravioli de cabaciña recheos de pera, gorgonzola e noces.

Se vos gusta a mestura de doce e salgado, botádelle un ollo a este espeto de porco e albaricoque, ou a estes scones de queixo e mostaza 😉

Ingredientes (para 3 ou 4 racións)

Para a masa

200 gr de fariña normal

200 gr. de fariña de forza (tamén chamada de panadeiro ou “doble 0”

50 ml. de aceite de  oliva virxe extra

200 ml de auga morna

1 culleriña de sal

1 culleriña de azucre

1 sobre de fermento seco

Para o recheo

1 pera grande, madura

150 gr. de queixo Gorgonzola (do que non pica)

100 de touciño entrefebrado

Tomiño

Sal e pementa

Aceite de oliva (mellor se é e spray, se non tendes, buscade un pincel de cociña)

  1. Comezamos coa masa: Nun bol grande mesturamos a auga, o aceite de oliva e a levadura, mesturando ben para disolvela. Engadimos o sal e a fariña, remexendo cunha culler de pau ata que estea homoxeneo.
  2. Tapamos o bol cunha rolla e deixamos repousar ao carón dunha fonte de calor (radiador, cociña quente…) durante unha hora, ata que doble o seu tamaño.
  3. Prequecemos o forno a 240º
  4. Estendemos un pouco de fariña nun mesado e amasamos a masa ata que se despegue dos dedos facilmente.
  5. Estendemos a masa nun papel de forno e dámoslle forma rectangular ou oval.
  6. Botamos un chisco de aceite de oliva nunha metade, colocamos as peras en láminas finas, despois o touciño, o tomiño, o queixo gorgonzola e finalmente un pouco de sal, pementa e algo máis de aceite.
  7. Dobramos a masa para pechar o calzone e xuntamos as beiras, selando para que non saia o recheo.
  8. Cunhas tesoiras de cociña abrimos varias fendas en diagonal, e botamos un pouco de aceite en spray por riba.
  9. Cocemos no forno a altura media durante 20-25 minutos a 200º, ou ata que esta ben dourado.
  10. Deixámolo repousar 5 minutos e servimos aínda quente.

Que aproveite!

PD: Sempre que me lembro poño a fonte da receita, neste caso é unha adaptación desta de Directo al paladar!

calzone_toucinho_2

calzone_toucinho_3


Comments

  1. Ás voltas coa moda
    20/02/2016 - 20:28

    Unha receita excepcional… haberá que probala! Grazas!!!!!!!

  2. Vladimir Lenin
    09/03/2016 - 16:43

    Moi boa receita, sinxela e apetitosa.. mmmm Fáiseme a boca auga.

    Será probada en pouco tempo aquí en Conxo!

    • Grazas polo comentario! Enviade foto, e que aproveite 😉 Un saúdo

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *