Carne guisada con cognac e mostaza

Os guisos son ese pratos, que ademáis de dar gusto comelos, dá gusto facelos, especialmente se arrecenden coma este, non ides queres sair da cociña! Ideal para facer os días de frío, estará moito mellor 24 ou 48 horas despois de cociñalo.

Aínda que a lista de ingredientes é longa, é bastante doado de facer, o único que tendes que ter en conta é que o proceso dura 2 h e media, máis ou menos. No medio pódese deixar, pero aínda así hai que andar con conta de que non se pegue. Importante: hai que facelo nunha pota grande e de base larga.

Se non tendes cognac na casa, podédelo cambiar por brandy, xerez ou mesmo viño tinto. Neste caso e usei mostaza de gran (a que venden coma “ancienne”), que ten un sabor máis suave, pero na receita non sae especificado xa que depende do gusto de cada un. A cantidade pódese reducir ou aumentar, non pasa nada. Se vos gusta este condimento, botádelle un ollo a esta receita de albóndegas mariñadas con mostaza ou a estas couves de Bruselas con mel e mostaza.

Ingredientes (para 4-6 persoas)

Un quilo de carne de terneira, cortada para guisaren

100 gr. de touciño entrefebrado

250gr. de champiñóns

400 ml de caldo de verduras

80 ml de cognac

90 gr. de mostaza

Unha cebola

3 chalotas (pódense cambiar por outra cebola)

3 ou 4 cenouras

5 culleriñas de manteiga (ou máis, dependendo de como se dea a receita)

Unha presa de fariña

Sal e pementa

  1. Nunha pota ben grande, a lume medio, botamos o touciño ben picado.
  2. Pelamos e cortamos a cebola e as chalotas en anacos pequenos, e cando o touciño solte a graxa e comece a torrarse, engadímolas á pota e subimos o lume. Cocemos durante 10-15 minutos, ata que douren e comecen a estar transparentes. Apagamos o lume e reservamos nun bol.
  3. Botámoslle sal e pementa á terneira, e pasámola por fariña nun prato fondo. Engadimos dúas culleriñas de manteiga á pota e cando derretan comezamos a rustrir a carne a lume medio-alto (haberá que facer dúas quendas). Se se pega moito, engadide un chisco máis de manteiga. Cando a carne estea churruscadiña por fóra, retirámola ao bol do punto 2.
  4. Botamos o cognac na pota e rascamos o fondo cunha culler de pau para que despegue a costra que fixo a carne. É MOI DOADO. Engadimos o caldo e a mostaza e remexemos ben. Cando estea mesturado, engadimos o contido do bol e cocemos a lume baixo durante unha hora, remexendo de cando en vez.
  5. Engadimos as cenouras (peladas e cortadas en rodas) e deixamos cocer 40 minutos máis.
  6. Nunha tixola mediana engadimos unha culleriña de manteiga e os champiñons en láminas de 0,5 cm. Cocemos ata que estean marróns e engadímolos ao guiso, deixando cocer 5 minutos máis. Corriximos o sal se fose preciso e servimos quente.

É moi recomendable deixalo feito polo menos un día antes e quecelo antes de servir, estará DELICIOSO!


Comments

  1. Carai, pois ten moi boa pinta este guiso, non o probei nunca con mostaza, terei que buscar a primeira vez en breve!!
    Obrigado pola receita.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *