Chocos guisados na súa tinta

Hai xa un tempo que non temos receitas de peixe e marisco, pero recuperamos o tempo perdido con esta delicia! Os chocos son doados de cociñar, mais precisan moita paciencia, xa que a súa carne ten que cocer moito para quedar brandiña. Para facer esta receita teredes que avisar na peixería que que volos limpen ben e garden a tinta nunha bolsiña aparte.

Para os que non queirades cociñar, pero si probar este marabilloso produto, podédevos acercar á famosa festa do choco de Redondela, unha das máis senlleiras de Galicia: o ano que vén cumprirá 30 anos!

Ingredientes (para catro racións)

1 quilo de chocos, cortados en rodas,  ca súa tinta

1 cebola grande, ben picada

4 ou 5 culleres de aceite de oliva

1 vaso de viño branco

1 vaso de auga

3 dentes de allo

Unha culleriña de sal e perixel ao gusto

  1. Nun morteiro metemos o sal, o perixel e os dentes de allo cortados en anacos. Esmagamos todo xunto ata facer unha pasta.
  2. Quentamos o aceite de oliva nunha tixola grande e pochamos a cebola a lume medio.
  3. Cando estea branda e comece a dourar, engadimos os chocos, a tinta, o viño e a auga.
  4. Deixamos quecer a lume medio unha hora e media, aproximadamente. Se os chocos son grandeiros, un chisco máis.
  5. Servimos acompañados de cachelos ou arroz branco. Para facer arroz dun xeito rápido e sinxelo, mirade esta receita.

Que aproveite!

chocos-1 chocos-3


Comments

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *