Cinco alimentos que fai avío conxelar

Despois dos consellos para cocer a pasta, os de como facer o bechamel, e o que se pode facer cun limón…chegan uns consellos para conxelar comida! O conxelador é un electrodoméstico un pouco infravalorado (polo menos nas zonas urbanas, penso eu) pero cun pouco de xeito podeselle sacar partido para conservar máis cousas que carne ou peixe. Tende en conta que o que sae do conxelador nunca vai estar mellor que cando entrou, así que planificade un pouco e metede sempre cousas frescas e/ou en bo estado. O reseso é mellor tiralo 😉

  1. Froita: o sabor da froita non cambia, pero a textura si, así que o mellor é pelala, quitarlle as pébedas e gardala cortada, para facer batidos ou sobremesas con ela. Os froitos vermellos son especialmente agradecidos para conxelar, así que aproveitade o verán para teramoras, framboesas e arandos durante todo o ano!
  2. Verduras: Pasa o mesmo que ca froita, o mellor é gardalas lavadas e cortadas, ou xa cociñadas. Non se deben conxelar verduras que se han consumir crúas, como a leituga ou cenouras, xa que a súa textura non terá nada que ver ca crúa.
  3. Herbas aromáticas: un truco súper doado e práctico é facer unha mestura cas herbas que queiramos conservar e aceite de oliva. Batemos todo ata ter unha especie de “pesto” e gardámolo na bandexa dos cubiños. Así teremos porcións de herbas pequenas para irlle botando aos guisos!
  4. Nata batida: ha de estar batida antes de conxelar, do contrario arriscámonos a que se corte durante o desconxelado. Se sobra de facer unha sobremesa, gardade chisco para guarnición de larpeiradas futuras. PD: a manteiga tamén se pode conxelar para usar logo.
  5. Pan: sempre é boa idea conxelar nas porcións que se van utilizar logo. No caso do pan, a mellor idea e gardar as rebandas separadas por un film transparente e ilas desconxelando na torradeira ou sanduicheira. O pan de molde non aguanta moi ben por mor da textura, así que mellor é pedir unha bola e que vola corten na panadería.

Que cousas máis conxelades? Contádeo nos comentarios!


Comments

  1. O caldo de facer sopa tamén se pode reducir un chisco e conxelar en cubiños e funciona coma “avecrem” (mellor empregando os plásticos de facer xeos redondos que unha cubitera aberta) 🙂
    Tamén a albahaca e o pirixel conxelan ben: pódense meter nun tupper e cando se vaia empregar esfarelalo. Iso si, convén coller o chisco que imos usar rompendo directamente e non sacar moito o tupper do conxelador, desconxélase enseguidiña.
    Apertas!

    • Ola Sabela! Graciñas por comentaren. O do caldo pareceme moi boa idea, e o do perixel xa o puxen en práctica onte 😉 Un saúdo

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *