Ensalada de pasta con tomates secos

Os que seguides este blog sabedes que aquí non somos moito de ensaladas. Só puxemos unha receita, tamén moi de verán, dunha de garavanzos. Pero esta ensalada de pasta pasou o filtro, e de que xeito! Está ben boa, é barata e conservase ben para levar nun tuper á praia ou ao monte.

Os tomates secos aquí en realidade viñan xa hidratados nunha bolsa. Se non, comprádeos secos e hidratádeos con auga (cocéndoos en auga fervendo uns 15 min) ou meténdoos nun frasco tapadiños con aceite de oliva, así consérvanse hidratados para cando os queirades usar. Para un extra de sabor, podédeslles engadir tomiño ou caiena.

Ingredientes (para 2 ou 3 racións)

200 gr. de pasta curta: laciños, caracois, macarróns pequenos, etc.

125 gr de mozzarella fresca

100 de bonito en aceite de oliva

1 cogombro

4 ou 5 metades de tomates secos

4 culleres de aceite de oliva virxe extra

1/2 culleriña de sal

1/2 culleriña de tomiño (opcional)

  1. Cocemos a pasta al dente.
  2. Reservamos 50 ml da auga de cocer nun vaso. Escoamos a pasta.
  3. Na mesma pota, engadimos o bonito, a mozzarella e os tomates, ben picado todo.
  4. Engadimos a pasta e remexemos pouco a pouco mentres engadimos un pouco da auga de cocer. Isto axudará a que ligue mellor.
  5. Engadimos o cogombro, pelado e picado, o aceite o sal e o tomiño. Remexemos ben.
  6. Deixamos repousar a lo menos dúas horas, idealmente dun día para outro. Pódese tomar fría ou do tempo.

E a vós, gustánvos as ensaladas de pasta?

 

 


Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *