Ensalada de quinoa, tomate, abacate e xarda

A quinoa é un ingrediente que non me inspiraba moito ao principio (canto tempo hai que está dispoñible, catro ou cinco anos? non sei) pero que cada vez uso máis porque en realidade é moi versátil. A que se vende en tendas ao granel adoita se máis cara (6€/quilo) pero o Lidl ten unha máis barata producida en España que ben vale para o que imos facer. Tamén podedes usala un ollo a esta quinoa con rustrido de lentellas, que fai moito avío para o día seguinte.

Os que sexades vexetarianos podedes cambiar a xarda por queixo feta, o que importa é o punto de salgado que lle dá á ensalada. Outra recomendación é usar un vinagre acedo ou zume de limón, xa que un de tipo doce (Módena) non fai tanto contraste e non queda tan rico.

Ingredientes (para dúas racións)

150 gramos de quinoa cocida

Un tomate grandeiro

Unha lata de xarda en aceite de oliva

Un belisco de sal

Aceite e vinagre ao gusto

Pementa negra (opcional)

  1. Cortamos o abacate pola metade longa, sacamos a carozo e retiramos a polpa cunha culler. Cortámolo en dados. Nota: É importante que todos os ingredientes estean a temperatura ambiente.
  2. Cortamos o tomate tamén en dados, sacamos a xarda da lata e esmagámola cun garfo para facer anacos coma os da foto.
  3. Repartimos a quinoa en dous pratos fondos, facendo un oco no medio para que quede máis bonito despois.
  4. Engadimos o tomate e o abacate, e despois a xarda (ou queixo feta, se optades pola opción vexetariana).
  5. Botamos un pouco de aceite e vinagre, sal e pementa ao gusto.
  6. Servimos!

Que vos parece? Usades moito a quinoa? Para que cousas? Deixade a resposta nos comentarios, ou no noso Twitter.


Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *