Salmón asado con laranxa e mel

Despois de moito tempo sen facer receitas de peixe, voltamos cun ESPECTACULAR salmón á laranxa e mel. Un prato lixeiro e moi doado de facer, que vos ha apañar as ceas e almorzos nun pis-pas.

Se vos gusta o peixe, botádelle un ollo a este salmón con crocante de limón, esta pescada ao viño branco ou a esta receita brasileira para facer unha moqueca de peixe.

Ingredientes (para 4 racións)

500 gr. de solombo de salmón, mellor con pel

4 ou rodas de laranxa natural

125 ml. de zume de laranxa natural

Unha cebolla ben picada

Pel relada dunha laranxa

4 culleres de mel, mellor se é oscura

Sal e pementa negra ao gusto

  1. Prequecemos o forno a 180º, por riba e por baixo.
  2. Nun bol, mesturamos o zume, a cebola, a reladura de laranxa e o mel, remexemos ata que estean ben mesturados.
  3. Nunha fonte de cristal, colocamos o salmón e botamos o mollo por riba. Decoramos cas rodas de laranxa.
  4. Cocemos durante 15 ou 20 minutos, e podemos poñer a parte de arriba para gratin durante 5 minutos máis para que quede un pouco máis torrado. Ollo: estade atentos para que non queime a laranxa.
  5. Servimos acompañado de verduriñas, arroz, puré de pataca... Estará riquísimo!

Que aproveite!

 

 


Queique de polenta e pera

A polenta é millo seco e moído, que se pode comer coma un puré (é moi típico no centro e norte de Italia) ou usar mesturado con fariña para queiques e galletas, xa que lles dá unha textura moi especial, moi compacta e ao mesmo tempo moi tenra.

Este doce admite moitas variacións na parte da froita: pódese facer con mazá, arandos, ameixas...etc. Tamén se lle poden engadir froitos secos por riba, a améndoa quédalle moi ben á pera.

Se che gustan os doces a base de millo, podes visitar esta receita de queique de millo, ou estas marabillosas galletas de millo e chocolate.

Ingredientes (para un queique de 8 ou 10 porcións)

250 gr. de azucre

225 gr. de fariña

150 ml. de aceite de xirasol, máis un pouco para o molde

80 gr. de polenta

2 peras grandes, peladas, sen carozo e cortadas en anacos de 1x1cm aprox.

2 ovos grandes

Reladura dun limón

Dúas culleres de fermento químico

Media culleriña de sal

  1. Prequecemos o forno a 180º, polos dous extremos.
  2. Engraxamos un molde rectangular cunha culleriña de aceite de xirasol e colocamos papel de forno no molde, que quede ben pegado.
  3. Esparexemos unha culleriña de azucre sobre o papel, e estendemos as peras cortadas, ocupando toda a superficie.
  4. Nun bol grande, mesturamos os ovos, o azucre e a reladura de limón, batendo ben.
  5. Noutro bol mesturamos a fariña, a polenta, o fermento e o sal. Imos engadindo e batendo esta mistura no bol do paso anterior.
  6. Vertemos no molde e cocemos no forno durante 45-55 minutos. Andade con ollo porque cada forno é distinto.
  7. Cando a superficie estea ben dourada, pinchamos cunha agulla de calcetar, e se sae seca é que xa está listo.
  8. Deixamos arrefriar nunha bandexa de rexas, estará máis bo pasadas unhas horas.

Que aproveite!


Crema de plátano e manga, con noces

Unha sobremesa espectacular e barata! Esta crema de plátano e manga tamén serve de merenda ou de almozo, que rica está! A base é a da crema de ovo, pero cun toque fresco pola fruta e crocante pola decoración de noces.

Se vos gustan as cremas e mousses, botádelle un ollo a esta mousse de limón, a esta de manga, ou a esta lambetada máxima que é a torta de mousse de café e chocolate. E se vos sobran claras, podedes facer este biscoito de arandos, un éxito asegurado!

Ingredientes (para 5-6 racións)

3 plátanos ben maduros

Media manga grande, ben madura

400 ml. de leite

200 ml. de nata para bater

100 gr. de azucre

4 xemas de ovo

100 gr. de fariña

2 culleres de manteiga tépeda (opcional)

40 gr. de Maizena

Un belisco de sal

Noces ou froitos secos para a decoración

  1. Pelamos e cortamos os plátanos, pasámolos pola batedora xunto ca manga (tamén cortada) ata faceren un puré.
  2. Nunha pota mediana, a lume medio, botamos o leite, a nata, 50 gr de azucre, a Maizena e a fariña (tamizada cun escoador se tivese grumos) e o sal.
  3. Remexemos cunha culler de pau ata que comece a ferver e espesar. Retiramos do lume.
  4. Engadimos o puré do paso 1, as xemas e manteiga (para darse un toque extra-cremoso, é opcional). Volvemos quecer a lume medio, sen deixar de remexer, durante 5 minutos.
  5. Botamos a masa nun bol, e colocámolo nunha bandexa ou bol máis grande con auga ben fría. Remexemos un pouco, ata que a mestura estea fría.
  6. Dividimos a crema en vasiños, tapámolos con film transparente e deixamos no frigorífico a lo menos 4 horas, aunque o ideal sería deixalo un día enteiro.
  7. Decoramos cas noces partidas (ou avelás torradas, améndoas, etc.) e servimos.

Que aproveite!

 


Ensalada de outono

A segunda ensalada da historia do blog! Esta combinación probeina hai pouco e a verdade é que me convenceu totalmente! Coma case todas as ensaladas, admite variacións: os figos poden ser frescos ou pasos, o queixo pode ser de tetilla (ou de San Simón, se lle queredes dar un toque afumado), e as abelás torradas pódense cambiar por améndoas en láminas ou noces. O que vos vaia mellor ;)

Ingredientes (para dúas racións)

Unha bolsa de leituga tipo "folla de carballo"

Unha bola de queixo mozzarella

4 ou figos

Unha presa de abelás

Unha culler de vinagre de Módena ou de Xerez

Dúas culleres de aceite de oliva virxe

Unha culleriña de mel

Sal

  1. Poñemos a leituga nun bol.
  2. Cortamos a mozzarella en rodas ou dadiños, os figos en cuartos, engadímolos á leituga, xunto cas abelás.
  3. Mesturamos o vinagre co mel ata que sexa un líquido homoxeneo.
  4. Engadimos a mestura do paso 3, o aceite e o sal.

Servimos cun pouco de pan, e se queredes, unhas lonchas de xamón, delicioso!


Compota de pavías

É tempo de pavías! E de tomates, patacas, uvas, etc. O caso é que ás veces xúntanse moitas e hai que buscar un xeito diferente de cociñalas, coma esta compota con viño tinto: sinxela, barata e rápida! Se queredes máis receitas de compotas, tendes esta de mazá con cardamomo

E vós, que facedes cas pavías? As ideas son benvidas nos comentarios :)

Ingredientes (para 3 ou 4 racións)

500 gr. de pavías

250 ml. de viño

60 gr. de azucre

Un pauciño de canela

  1. Lavamos as pavías e metémolas en auga fervendo durante 3 minutos, para escaldalas e que a pel saia mellor.
  2. Retirámolas e secámolas.
  3. Na mesma pota, limpa, cocemos o viño co pau de canela a lume medio, durante 3 minutos, despois engadimos o azucre a modiño, mentres remexemos para que non se pegue. Deixámolo cocer 5 minutos, ata que espese. Retiramos
  4. Pelamos as pavías e cortámolas en anacos pequenos.
  5. Botámolas na pota e volvemos cocer a lume medio durante 5 minutos. Quitamos o pau de canela.
  6. Estará máis bo ao día seguinte, pódese tomar quente ou do tempo!