Especias: cales son e como usalas – 2ª parte

Seguimos coa guía de especias! A introducción podédela ler na primeira parte, pero estas son as razóns polas que todo o mundo debería ter especias na cociña.

  • Son baratas (a maioría)
  • Doadas de atopar
  • Duran moito
  • Danlle un toque especial a case calquera prato.

Aquí tendes unha pequena descrición, suxestións de uso e truquiños para cada unha delas:

Loureiro

Loureiro

O loureiro vén do Mediterráneo oriental, é unha das especias máis empregadas nos fogares galegos. Nalgunhas zonas chámanlle gamallo. Ademáis de cultivarse en fincas, podémolo atopar coma parte da vexetación salvaxe: xeralmente en lugares húmidos, pretos dos regos.

Un dos usos máis coñecidos é o de metelo a cocer co mariscos, mais tamén se pode utilizar para guisar coello con patacassolombo de porco con cervexa ou asar un polo.

Menta

Follas de menta

Unha das especias máis coñecidas, especialmente no seu uso tópico para cando un roza unha estruga. Por se algún non o sabía, axuda a quitar o proído, e sempre están preto unha da outra 😉

Na cociña úsase moito en pratos de verán polo seu sabor refrescante, e tamén para facer cocktails coma o mojito. Estas son as miñas suxestións para empregala: crema de menta para un pastel de chocolate, para facer unha limonada ou para adobar un cous-cous frío.

Noz moscada

Noz moscada

A noz moscada é unha especia bastante habitual estes tempos, xa que é moi doada de atopar e o seo prezo é barato. Tomada en grandes cantidades pode producir efetos alucinóxenos semellantes aos da marihuana, pero en doses pequenas non ten estas “contraindicacións” e serve para darlle aroma e sabor a unha grande variedade de pratos.

Unha das combinacións máis coñecidas e a do bechamel con noz moscada, coma neste timbal de pasta. Tamén queda ben botar un chisco na tortilla de patacas antes de cocela, ou no puré de patacas de sobre 😉 Tamén se pode facer unha sopa brasileira de cebola e tomate.

Nos doces, dalle un toque especial á torta de cenoura e as cookies con manteiga.

Pementón

Pementón doce

Un clásico da gastronomía galega, a súa orixe remóntase ao descobrimento de América. Por mor dunha confusión, chamouselle pemento a cousas que non eran, como explicara no artigo da pementa de Caiena.

O pementón adoita ser doce, as receitas que eu recomendo: lagostinos ao espeto, polo asado adobado con pemento ou un guiso de berenxenas e feixóns.

Ourego

Ourego

Igual que a alfábega, é un clásico da cociña italiana e mediterranea. As follas son máis aromáticas cando están secas que cando están verdes. En Galicia haino nos montes e tamén se cultiva: para aproveitalo hai que apañalo ao final de agosto ou primeiros de setembro (antes de que choiva) cortar as flores e desbota-las follas e os troncos leñosos. Despois gardase nunha caixa de cartón ou nun saquiño de lenzo ata que estean secas de todo. Despois é recomendable conservalas nun tupperware ou nunha bolsa de plástico.

Podedes empregalo para facer uns canelóns de filloas, engadirllo á zorza antes de facer os chourizos, adobar carnes ao forno ou pan co olivas e especias.

Romeu

romeu romeu

As súas follas son moi fragantes, arrecenden máis secas ca verdes. É un arbusto que se atopa na rexión mediterránea da Europa meridional, Norte de África e tamén en Asia menor.

En Galicia é pouco frecuente que se dea en estado silvestre. Tamén se coñece co nome “alecrín”.

Usos recomendables: para un solombo con patacas, facer un polo con mel, tomiño e romeu ou para aromatizaren aceite de oliva.

Tomiño

Tomiño

Outra herba aromática que se consume seca, ten unha fragancia moi intensa, polo que se emprega en estofados, grellas, adobos, mariñados (os de olivas, por exemplo). Ten propiedades dixestivas, pero hai que andar con conta nas cantidades que empreguemos, non vai ser que todo saiba a tomiño

Posibles receitas:  sopa de farigola (tipica de Cataluña), magret de pato, albóndegas de pavo con prebe de tomate ou para un sinxelo arroz branco con tomiño.

Xenxibre

Xenxibre, enteiro e moídoTípico da cociña asiática, trátase dunha raiz que se toma de cotío seca e relada. Crece nas rexións tropicais do mundo. As variedades máis aprezadas xeralmente proceden de Australia, India ou Xamaica, as máis cosumidas veñen de China ou Perú. Dende hai uns anos é habitual atopalo fresco en supermercados e tendas especializadas.

Ten un punto picante que fai que contraste con moitos sabores. Velaiquí algunhas recomedacións: unhas vieiras ao vapor de lima, uns fuciños de porco con patacas, xenxibre e cenouras, ou unhas galletas de xenxibre.

Se tendes as raices frescas, un te chai feito na casa. Está delicioso!

Ademáis da especia, Xenxibre é o nome dunha aldea de Lugo 😀

E vós? Usades moitas especias? Onde as mercades? Deixade os vosos comentarios aquí mesmo, no Twitter ou no Facebook.


Comments

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *