Estofado de arroz e lentellas con cebola fritida

Este estofado coñécese popularmente coma mejadra ou mujaddara, que en árabe significa “cheo de buratos”. É un prato típico en Oriente Próximo, onde ten fama de ser un prato de xente pobre, polo que se di que “vender a alma por un prato de mejadra”.

Leva bastante tempo facelo e está mello ao día seguinte, mais paga a pena se vos gustan os pratos moi especiados (que non picantes, eh, isto non pica). No blog hai máis receitas deste tipo, coma este rustrido de quinoa e lentellas, ou este sinxelo arroz con chícharos e carne. Que aproveite!

PD: Todas estas especias atópanse moi fácil en case todos os supermercados.

Ingredientes (para 4 racións coma prato único)

4 cebolas grandes, peladas e cortadas en rodas finas

250 ml. de aceite de  xirasol

250 gr. de lentellas

200 gr. de arroz basmati

2 culleres de aceite de oliva

Unha culler de azucre

Unha culleriña de sementes de coandro

Unha culleriña de canela en po

Media culleriña de cúrcuma

Media culleriña de pementa negra

Sal ao gusto

  1. Quecemos o aceite de xirasol nunha tixola mediana. Cando estea ben quente, fritimos un tercio das cebolas, ata que estean ben douradas e un pouco crocantes nos bordes.
  2. Pasámolas a un prato cun pano de papel para que absorba o exceso de graxa, botámoslle sal.
  3. Mentres, poñemos as lentellas a cocer nunha tixola, con auga que as cubra ben, durante 20 minutos e un pouco de sal, ata que estean brandas. Escoamos e reservamos.
  4. Repetimos o paso 1 en dúas quendas.
  5. Pasámoslle un pano de papel á tixola de fritir as cebolas para limpala ben. Torramos as sementes de coandro, ata que douren e comecen a cheirar.
  6. Na mesma tixola, poñemos o aceite de oliva, o arroz, a cúrcuma, o azucre, a canela, o sal e a pementa. Remexemos ben e engadimos as lentellas.
  7. Botamos 350 ml de auga e deixamos cocer, a lume baixo e con tapa, durante 15 minutos.
  8. Quitamos a tapa e poñemos unha rolla limpa, volvemos poner a tapa e deixamos repousar co lume apagado, 10 minutos máis.
  9. Servimos acompañado das cebolas fritidas, e tamén podemos engadir un iogur grego, que acompaña moi ben a este rustrido.


Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *