Galletas de espelta, dátiles e améndoas

O trigo de espelta, tamén chamado trigo vermello, vén collendo moita sona nos últimos anos polas súas propiedades dixestivas: contén moitas vitaminas e provoca menos reacción alérxica có trigo común. Aínda así, os celíacos non poden comelo porque segue a ter glute.

Estas galletas foron un intento de facer repostería vegana, e estou moi contenta co resultado: non son moi doces, mais teñen un sabor moi intenso e unha textura moi crocante. Ademáis, son moi doadas de facer, non cómpre batedora sequera! A fariña de espelta véndena en tendas de alimentación natural e nalgunhas panaderías, o leite vexetal pode ser de soia ou de améndoa, atópase en case todos os supermercados 😉

Ingredientes (para 30 galletas pequenas, aproximadamente)

250 gr. de fariña de espelta

125 ml. de aceite de xirasol

80 gr de dátiles picados

80 gr. de azucre de caña

80 ml. de leite vexetal

50 gr. de améndoas laminadas

1 culleriña de bicarbonato sódico

1 chisquiño de sal

  1. Se tendes dátiles enteiros, poñédeos a remollo durante 30 minutos, para que sexan máis doados de picar.
  2. Prequecemos o forno a 180º.
  3. Nun bol mesturamos todos os ingredientes AGÁS o aceite, e remexemos ben.
  4. Engadimos o aceite e remexemos ben cunha culler, ata que quede unha pasta homoxénea. Mesturará de seguida, e aínda que pareza un pouco esfarelada, se toda ten a mesma cor, vale.
  5. Colocamos papel de forno nunha bandexa.
  6. Coa axuda da culler e coas mans, facemos bolas do tamaño dunha noz grande, esmagámolas un pouco e colocámolas na bandexa, deixando 3 cm de espacio entre elas.  Dá para dúas quendas de forno: máis ou menos caiben 15 galletas na bandexa.
  7. Cocemos no forno durante 15-20 minutos, ou ata que estean douradas polas beiras.

Que vos parecen? Fixestes algún intento de repostería vegana?

galletas_espelta2


Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *