Estas galletas coñécense en Brasil coma “biscoitos de fubá”, e son desas receitas tan típicas que teñen miles de versións. Para facelas cómpre fariña de millo, pero non da que se fai o pan de millo (cada vez máis difícil de atopar, por certo) senón a peneirada para repostería, que se vende na maioría de supermercados e tendas de alimentación (tamén se pode comprar en Portugal co nome de fariña de fubá).
Os que seguides este blogue xa sabedes que lle dámos moi forte o tema de queiques e galletas, os que acabades de chegar, podédesvos pasar por esta receita de galletas de millo con chocolate, este queique de millo e mascarpone, ou estas espectaculare galletas veganas.
Ingredientes (para 14-15 pezas coma as da foto do final do artigo)
375 gr de fariña de millo
125 gr de fariña de trigo
125 gr de azucre
125 gr de manteiga tépeda
4 xemas de ovo
2 culleres de leite gordo (enteiro)
Unha culleriña de extracto de anís (opcional)
Un belisco de sal
Un chisco de azucre glas e canela en po mesturados, para decoraren.
- Mesturamos os ingredientes nun bol grande e mesturamos coas mans. Se quedase tan seco que non despega das paeredes do bol, podemos engadir un chisco máis de leite.
- Deixamos repousar 15 minutos no frigorífico.
- Prequecemos o forno a 170º, por riba e por baixo.
- Colocamos papel de forno nunha bandexa
- Cun trebello de bolas de xeado (se non tendes, usade dúas culleres para coller unha cantidade algo máis pequena que unha pelota de golf) facemos bolas e colocámolas na bandexa a 4 ou 5 cm unhas doutras. Esmagámos un pouco cun garfo para aplanalas.
- Cocemos durante 10 ou 15 minutos, ata que comecen a dourar por riba. Retirámolas a unha bandexa de reixas para que lles dea o aire por baixo.
- Mentres están quentes e na reixa, esparexemos o azucre e a canela por riba, ao gusto.
- Gardámolas nun recipiente hermético, aguantan de 3 a 6 días en bo estado dependendo da humidade do lugar.
Que vos parece? Fixestes a proba? Deixa a túa experiencia no comentarios, ou no noso Twitter.
Vocábulo tradicional galego para o castelanismo “Galleta”: Bolacha.
#Bolacha