Galletas de millo e chocolate negro

Voltamos á carga cunha larpeirada ben boa! Estas galletas son moi fáciles de facer, igual que a mega galleta de noces que publicamos hai uns días. A súa orixe é italiana e en principio levan pasas molladas en ron (podedes ver a receita orixinal nesta ligazón) pero eu cambieina por chocolate porque penso que é un acompañamento ideal para o millo, igual que cando tomaba pan de millo con nocilla para merendar: que delicia! Tamén podedes cambialo por noces, améndoas, arandos… Seguro que ha quedar boísimo!

Ingredientes (para 15 galletas aprox.)

100 gr. de fariña triga

105 gr. de fariña milla

50 gr. de azucre, máis un chisco para a decoración

75 gr. de manteiga sen sal, tépeda

50 gr. de chocolate negro, picado

2 xemas de ovo

2 culleres de leite gordo (enteiro)

Media culleriña de fermento químico (tipo Royal)

1 belisco de sal

  1. Nun bol grande mesturamos as fariñas, o chocolate, o fermento e o sal e remexemos ben.
  2. Cunha culler, formamos un oco no medio e botamos as xemas de ovo, o leite e a manteiga. Amasamos ben ata formarmos unha pasta homoxénea. Debe ser flexible e non deixar restos nas mans. Se vedes que esfarela é que está un pouco seca: a solución é botarlle un pouco máis de leite.
  3. Coa axuda dun film transparente, facemos un cilindro de 4-5 cm. de diámetro, enroscando as puntas coma se fose un chourizo.
  4. Deixamos na neveira a lo menos unha hora.
  5. Prequecemos o forno a 160º.
  6. Cun coitelo ben afilado, facemos rodas dun centímetro de grosor. Botamos un pouco de azucre nun prato e rebozámolas un chisco polos dous lados.
  7. Cocemos no forno a altura media ata que douren, aproximadamente uns 15 minutos, pero depende do forno, andade con conta.
  8. Deixamos arrefriar, estarán máis boas logo dunhas horas de repouso.

Que aproveite!

galleta-millo-chocolate_3

galleta-millo-chocolate_4


Comments

  1. Non se me ocorrera nunca facer galletas con fariña milla, que boa idea¡ Teño que probalas.

    • Ola Raquel! Esfarelan máis cás de trigo, pero paga a pena polo sabor! Un saúdo!

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *