Galletas crocantes de cacaué

Unha das cousas que máis me gustan é mesturar salgado e doce, coma nesta receita. Estas galletas saen riquísimas, e van moi ben cun café con leite ou incluso acompañando a un xeado. Hai dúas cousas a ten en conta: se cambiades o unto por manteiga non van quedar tan crocantes, e os cacaués teñen que ser dos que veñen torrados e salgados, os de casca para pelares non valen (quedaría con moito menos sabor.

Se non vos convence este sabor, ou queredes probar cousas diferentes, pasádevos pola receita de galletas de arandos ou por esta das clásicas cookies de chocolate.

Ingredientes (para 24-28 unidades)

75 gramos de azucre moreno, máis un pouco para a cobertura.

100 gr de manteiga a temperatura ambiente

50 gr de unto de porco, a temperatura ambiente

175 de fariña de trigo

125 de cacaués salgados

Unha culleriña de fermento químico

Un ovo grandeiro

Unha culler de extracto de vainilla

Utensilios: batedora con triturador e variñas, papel de forno, espátula.

  1. Prequentar o forno a 190º.
  2. Nun bol grande, mesturar ca baterdora (cas variñas) o azucre, a manteiga, o unto, o ovo e o extracto de vainilla. Non cómpre darlle moitas voltas, con que quede mesturado vale ben.
  3. Engadimos a fariña e os cacahues. Ainda que pareza que queda moi espeso, é o propio desta masa.
  4. Poñemos o papel na bandexa do forno.
  5. Con dúas culleriñas, poñemos boliñas de masa, a unha distancia de 5 cm. Caberán 12 por quenda, máis ou menos. Neste punto pódense deixar como están e quedarán co centro máis tenro e os bordes crocantes (ver foto). Se queredes que queden crocantes de todo hai que aplastalas cunha espátula, e redondear os bordes para que non queden "pinchos" coma os desta foto (foi a quenda menos crocante):
  6. Botamos un pouco de azucre por riba e cocemos no forno durante 8-10 minutos. Lembrade que as galletas seguen a cocer un pouco ao sacalas, entón non pasa nada porque estean un pouco menos feitas na parte central.
  7. Deixamos arrefriar e gardámolas nun recipiente, estarán boas durante varios días. Son estupendas para acompañar o café ou unhas bolas de xeado de vainilla ou chocolate.

Cales son as vosas galletas favoritas? Que vos parece esta combinación doce/salgado?

 

 


Galletas de millo á moda brasileira

Estas galletas coñécense en Brasil coma "biscoitos de fubá", e son desas receitas tan típicas que teñen miles de versións. Para facelas cómpre fariña de millo, pero non da que se fai o pan de millo (cada vez máis difícil de atopar, por certo) senón a peneirada para repostería, que se vende na maioría de supermercados e tendas de alimentación (tamén se pode comprar en Portugal co nome de fariña de fubá).

Os que seguides este blogue xa sabedes que lle dámos moi forte o tema de queiques e galletas, os que acabades de chegar, podédesvos pasar por esta receita de galletas de millo con chocolate, este queique de millo e mascarpone, ou estas espectaculare galletas veganas.

Ingredientes (para 14-15 pezas coma as da foto do final do artigo)

375 gr de fariña de millo

125 gr de fariña de trigo

125 gr de azucre

125 gr de manteiga tépeda

4 xemas de ovo

2 culleres de leite gordo (enteiro)

Unha culleriña de extracto de anís (opcional)

Un belisco de sal

Un chisco de azucre glas e canela en po mesturados, para decoraren.

  1. Mesturamos os ingredientes nun bol grande e mesturamos coas mans. Se quedase tan seco que non despega das paeredes do bol, podemos engadir un chisco máis de leite.
  2. Deixamos repousar 15 minutos no frigorífico.
  3. Prequecemos o forno a 170º, por riba e por baixo.
  4. Colocamos papel de forno nunha bandexa
  5. Cun trebello de bolas de xeado (se non tendes, usade dúas culleres para coller unha cantidade algo máis pequena que unha pelota de golf) facemos bolas e colocámolas na bandexa a 4 ou 5 cm unhas doutras. Esmagámos un pouco cun garfo para aplanalas.
  6. Cocemos durante 10 ou 15 minutos, ata que comecen a dourar por riba. Retirámolas a unha bandexa de reixas para que lles dea o aire por baixo.
  7. Mentres están quentes e na reixa, esparexemos o azucre e a canela por riba, ao gusto.
  8. Gardámolas nun recipiente hermético, aguantan de 3 a 6 días en bo estado dependendo da humidade do lugar.

Que vos parece? Fixestes a proba? Deixa a túa experiencia no comentarios, ou no noso Twitter.


Galletas de figos e noces

Estaba eu buscando como aproveitar os figos que me sobraran de facer a ensalada de outono e vin estas gorentosas galletas por Internet adiante. Ao final acabei improvisando algunhas cousas e o resultado foi moi bo: non son moi crocantes pero teñen un sabor e un arrecendo fantástico. Coma é lóxico, os figos pódense cambiar por outra cousa "pasa" que non estea moi seca e as noces por améndoas ou abelás.

Se, coma min, sodes  de facer galletas na casa, tamén podedes ver estas de dátiles, estas de vainilla ao estilo vienés ou voltar ás clásicas de pébedas de chocolate. Cales son as vosas galletas favoritas?

Ingredientes (para unhas 14 galletas coma a da foto)

200 gr de fariña triga

100 gr de noces, peladas e picadas

100 ml de aceite de xirasol

70 gr de azucre

4 figos pasos, grandes e cortados en anaquiños

Un ovo

Media culleriña de fermento químico, tipo Royal

Media culleriña de extracto de vainilla

Un belisco de sal

  1. Quecemos o forno a 170º, arriba e abaixo.
  2. Nun bol, mesturamos todos os ingredientes agás a fariña.
  3. Remexemos e imos engadindo a fariña pouco a pouco.
  4. Dámoslle forma cas mans ou cunha culler. Para que teñades unha referencia, vai ben coller anacos de masa do tamaño dunha pelota de ping-pong.
  5. Colocámolas nunha bandexa con papel de forno, deixando espacio dabondo entre elas para cando suban.
  6. Aplastamos un chisco a superficie e cocémolas no forno durante 15 ou 20 minutos, ata que estean douradas por riba.
  7. Deixamos o papel de forno cas galletas por riba dunha bandexa de rellas. Unha vez frías, gardámolas nun recipiente hermético, onde poden quedar 3 ou 4 días.

Que aproveite!

 

 


Madalenas de castaña e vainilla

Agora que vai tanto frío apetece quedar na casa e que mellor plan que facer unhas madalenas que sirvan de agasallo ou que solucionen uns cantos almorzos. Como presta comelas con café quentiño! Esta receita é moi doada, tanto que a podedes facer con nenos, seguro que se divirten fozando cos moldes de papel e o azucre :)

Se queredes ver máis receitas de madalenas, visitade a de madalenas con nata e noces, a de madalenas de chocolate, ou estas ben saudabeis de plátano e avea.

Ingredientes (para 14 madalenas, aprox.)

110 gr. de fariña de castañas

100 gr. de fariña de trigo

170 ml. de aceite de xirasol

100 gr de azucre normal

75 gr de azucre avainillado

60 ml. de leite (mellor se é gordo)

2 ovos

9 gr. de fermento químico

Un belisco de sal

Un chisco de azucre, avanillado ou non, para botar por riba

Utensilios:

Batedora de variñas

Moldes de papel para madalenas.

Moldes ou bandexa para madalenas

  1. Nun bol grandeiro botamos os ovos e o azucre, batemos ca batedora ata que aclare e teña unha textura esponxosa.
  2. Engadimos o leite, seguimos batendo.
  3. Engadimos o aceite aos poucos, mentres continuamos a bater.
  4. Nun prato fondo mesturamos as fariñas, o fermento e o sal, mesturamos cunha culler.
  5. Imos engadindo a mestura "sólida" á líquida mentres batemos, tendo conta de que non queden grumos.
  6. Tapamos cun film transparente e deixamos no frigorífico unha hora.
  7. Prequecemos o forno a 150º, por riba e por baixo.
  8. Colocamos os moldes de papel dentro dos de silicona (ou de metal, os que teñades) e enchémolos ata os 3/4, deixando marxe para que a masa suba. Esparexemos un chisco de azucre en cada madalena, formando una capa moi fina, para que logo quede crocante.
  9. Deixámolas cocer no forno durante 15 minutos, vixiando que non se pasen.
  10. Deixamolas arrefriar no mesado, e cando estean frías gardámolas nun tupperware ou nunha bandexa tapada cunha rolla.

Que aproveite!

 


Cadradiños de chocolate (sen forno)

Esta receita é unha das máis sinxelas que levamos publicado, está pensada para facer con cativos ou para aqueles que non teñen forno na casa. Bueno, en realidade é para calquera que giste do chocolate. Se estades nese grupo, mirade tamén esta receita de torta de mousse de chocolate e café ou esta de cookies de chocolate: lambiscadas para todos!

Unha vez feita pódese gardar varios días na neveira ou incluso no conxelador.

Ingredientes (para 9 ou 12 cadrados, dependendo do molde e as porcións)

300 gr. de chocolate de fundir

180 ml. de leite condensado

100 gr. de galletas

80 de noces

30 gr. de cacau en po

  1. Picamos as galletas nunha trituradora ata que se fagan po.
  2. Nun bol de cerámica botamos 100 gr. de chocolate e fundímolos no microondas. A mellor opción é poñelo en modo "Desconxelar" e facer intervalos de 30 segundos, revisando e remexendo cada vez.
  3. Nun bol grande mesturamos o po do paso 1, o cacau, o leite condensado, as noces picadas e o chocolate derretido, remexendo cunha culler de pau.
  4. Nun molde cadrado ou rectangular estendemos a masa e aplastámola ca culler de pau ata que quede lisa e uniforme. Deixamos arrefriar.
  5. Derretermos o resto do chocolate repatindo o paso 2, estendémolo por riba usando unha culler normal, ata que quede liso. Deixamos arrefriar fóra e logo metémolo no frigorífico, deixándoo repousar a lo menos dúas horas. Ao día seguinte aínda estará mellor.

Que vos parece? Ídelo facer na casa?

cadradinhos_chocolate_1