Gazpacho de amorodos e mazá

Xa chega o bo tempo e apetecen cousiñas refrescantes. A idea desta receita veume despois de ver isto no blog Receitas para todos os días, moi recomendable, por certo. Como non son eu moi de pementos crus decidín facer unha versión máis larpeira. Ao levar mazá como espesante (co canto de pan) é moi lixeira: algo que como saberedes, non pasa moito neste blog 😀

Ao deixala na neveira unhas horas os sabores mestúranse mellor, o líquido frío e o vinagre han contribuir a disminuir a temperatura corporal. Aos que vivides na Mariña ou sitios frescos darávos máis igual, pero isto en Ourense (ou en Madrid, onde resido agora) é MOI importante.

Se queredes probar más versións de froitas, a sandía ou o melón vanlle moi ben, son sen dúbida unha marabillosa opción para iste verán, que (agardamos) sexa longo!

Ingredientes (para dúas porcións)

300 gr. de amorodos: se son dos pequenos, mellor

1 mazá grande tipo Golden

100 ml  de auga fría

2 culleres de aceite de oliva virxe extra+ unhas pingas para decorar

1 culler de vinagre de viño branco

1/2 dente de allo (opcional)

Sal ao gusto

  1. Lavamos e cortamos os amorodos en anacos
  2. Pelamos e cortamos a mazá, retirando a parte central.
  3. No vaso da batedora, botamos todos os ingredientes, tendo conta de non pasarse co sal.
  4. Batemos ben ata que emulsione e quede unha sopa homoxénea. Correximos o sal se fai falla.
  5. Deixamos repousar alomenos un par de horas no frigorífico.
  6. Servimos cunhas pingas de aceite por riba.

Que aproveite!

Gazpacho ou sopa fría de amorodos e mazá


Comments

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *