Gnocchi de ricotta e espinacas

Estes gnocchi son un pouco especiais, xa que en vez de estar feitos a base de pataca, son unhas boliñas rebozadas en fariña e logo cocidas estilo bolos do pote. Son típicos da rexión da Toscana, onde se coñecen coma “gnudis”, que significa nus, xa que parecen o recheo dos raviolis, pero sen a pasta. É unha receita sinxela, pero leva bastante tempo, así que mellor deixala para a fin de semana ou días libres que teñades por aí.

Como nesta casa somos moi fans da comida italiana, xa temos un pequeno arquivo de receitas, se a vós tamén vos gusta, botádelle un ollo a estes arancinis de lacón e queixo, á pasta con grelos e salchichas ou a estes spaguetti á amatriciana.

Ingredientes (para 2 racións)

Medio quilo de espinacas frescas, ou un cuarto de conxeladas.

250 gr. de ricotta

1 ovo

50 de queixo “Parmiggiano”

15 gr. de manteiga

Un dente de allo

Un chisco de noz moscada moída.

Sal e pementa

Un prato de fariña “00” (a de facer pan)

Para acompañaren:

20 gr. de manteiga

Follas de salvia fresca, ou salvia seca

20 gr. de queixo relado

  1. Cocer as espinacas durante 5 minutos en auga fervendo con sal.
  2. Escoar todo o que se poida.
  3. Nunha tixola derretemos a manteiga e fritimos as espinacas durante 2 minutos. Deixamos arrefriar, e se sobra auga, escoámola. E importante que non quede líquido ningún.
  4. Cortamos as espinacas moi finas nunha táboa de madeira. Se aínda soltan líquido, apretádeas cas mans no fregadeiro.
  5. Nun cunco grande botamos as espinacas, o ovo, a ricotta, as especias e mailo queixo relado. Mesturamos ben para que todos os ingredientes queden repartidos.
  6. Preparamos un prato chan ca fariña, e outro sen fariña ao lado.
  7. Humedecemos as mans e facemos boliñas do tamaño dunha noz grandeira.
  8. Este paso require un chisco de paciencia: Rebozamos as boliñas na fariña e pasamolas ao prato limpo. Deixamolas repousar 10 min., volvémolas rebozar ca fariña e deixámolas no prato con fariña unha hora. Despois dámoslle unhas voltas sueves nas mans para que queden ben feitiñas e collan ben a fariña (ver foto de abaixo).
  9. Cocemos as boliñas en auga fervendo. En canto soban á superficie, retirámolas cunha escumadeira e botámolas nos pratos onde as imos servir.
  10. Derretemos a manteiga ca salvia e botámoslla por riba. Finalizamos co queixo relado!

Que aproveite!

 


Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *