Algúns alimentos preparados e envasados están bastante ben (a salsa pesto…) pero hai outros que non teñen xeito ningún. O guacamole de bote NUNCA está bo, e co doada que é a receita, paga a pena a facelo un mesmo.

Hai mil millóns de receitas de guacamole, e non sei se esta será moi ortodoxa, pero é a que ten ingredientes que máis facilmente se atopan. Se queredes levar un entrante para unha cea ou un picnic, triunfades seguro.

Ingredientes (para un bol mediano, pican tres ou catro persoas):

2 aguacates maduros – a punta ten que estar un pouco fofa.

1 tomate pequeno, maduro

Media cebola

Un chisco de coandro

Unha culleriña de mel

Zume de medio limón

Sal

6 – 8 pingas de salsa tabasco

  1. Abrir os aguacates pola metade, retirar a semente e quitar a polpa cunha culler. Trocear e botar no bol.
  2. Picar os tomates en dadiños e a cebola moi fina. Botar ao bol xunto co coandro, o mel, o zume, o tabasco e un chisco do sal.
  3. Bater ca batidora ata que quede uniforme pero con algúns cachiños. Se vos gusta con anacos gordos, en vez de usar a batidora podedes esmagar todo cun garfo.
  4. Se queda moi acedo, podedes botarlle máis mel ou un pouquiño de azucre. Ás veces hai que correxir a cantidade de sal tamén.
  5. No caso de que non o consumades inmediatamente, metede a semente no medio do guacamole, medio fundida, e tapade con film de plástico (tocando a superficie do guacamole). Así evitaredes que oxide e saque unha cor marrón bastante desagradable.

Que aproveite!