Hamburguesa de garavanzos e cenoura

Xa hai tempo que tiña ganas de facer unha hamburguesa vegana na casa, xa que ás veces pídoa cando vou comer fóra (a pesares do nome do blogue, non como moita carne 😅) e tiña curiosidade por facer unha versión propia.

A verdade é que dá máis traballo que facer unha de carne, pero podedes facer varias nun día e conxelar as que non preceisedes, xa que a textura aguanta moi ben e é preferibel que estean un pouco frías ao pasar pola tixola para que non esfarelen: Se estaban no conxelador, deixadeas desconxelar pero non de todo, e se estan do tempo mellor metelas unha hora na neveira, ou 15 minutos no conxelador.

Eu comina con pan, tomate e maonesa, pero podédela tomar cunhas patacas ou batatas fritidas, verduras asadas, un ovo á prancha… vai ben con case todo.

A base da receita son os garavanzos, valen tanto os precocidos do super coma os que se fan na casa. Eu engadinlle brócoli porque lle dá unha cor moi bonita, pero pódese cambiar por un par de cenouras extra, ou por medio allo porro. Estará boísima de todos os xeitos.

Ingredientes (para 6 hamburguesas, aproximadamente)

500 gr de garavanzos cocidos

Dúas cenouras

Medio brócoli

Media cebola

Dous dentes de allo

Dúas culleres de mollo (de tomate, soia, chimichurri, o que máis vos guste)

Dúas culleres de pan relado (pódese substituir por fariña)

Catro ou cinco culleres de aceite de oliva

Dúas culleriñas de sal

Unha culleriña de pemento doce (o do polbo, opcional)

  • Quecemos o aceite nunha tixola grande a lume medio e botamos o allo e a cebola ben picados.
  • Cando comecen a dourar, engadimos as cenouras e o brócoli.
  • Cando estea todo un pouco cocido, engadimos o mollo e unha culleriña de sal. Se vedes que está moi seco, engadide dúas ou tres culleres de auga.
  • Tapamos e deixamos cocer ata que estea todo ben tenro.
  • Nun bol grande botamos os garavanzos, o resto do sal, o pemento e o contido da tixola.
  • Pasamoslle a batedora ata facer unha masa coma a da foto de enbaixo ⬇️
  • Engadimos o pan relado e mesturamos ben, dámoslle forma de hamburguesa ca man.
  • Enfriamos un pouco na neveira ou no frigorífico e cociñámolas na tixola. Se é antiadherente non precisades aceite, se non, engadide un pouco para que non peguen.
  • Servimos ao gusto, que aproveite!!!
Despois da batedora e antes do pan relado
Pasada pola tixola
“Vista interior”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *