Hummus de cacaué

Nesta casa somos moi fans do hummus, e a verdade e que de todos os que fixen, atopo que este é o máis saboroso. Outro punto a favor é que non se pega tanto ao padal como o normal, aínda que hai xente que lle gusta iso, a min acábame cansando un pouco.

A receita é unha adaptación dunha de Nigella Lawson (está na listaxe fixa da dereita) e zafa moito para facer algo de picar ou unha cea rápida entre semana: unha torrada de pan, algo de verduras, e listo! Se queredes ver máis receitas de hummus, tendes unha básica, outra a base de lentellas e outra de fabas e tomates secos. Se vos gusta a manteiga de cacaué non deixedes de ler esta receita de madalenas con manteiga de cacaué.

Ingredientes (para 6 racións, aprox.)

400 gr de garavanzos cocidos

3 culleres de manteiga de cacaué

3 culleres de queixo crema

5 culleres de aceite de oliva

5 ou 6 cacaués torrados e pelados, máis uns poucos para decoraren

Zume de medio limón

Media culleriña de sal

Media culleriña de comiño en po

Un dente de allo picadiño (opcional)

  1. Botamos todo na trituradora e dámoslle unha boa volta, para que mesture ben.
  2. Se queda moi espeso, engadide máis zume de limón e/ou aceite, incluso un pouco de auga morna. O importante é ir a modiño e que non nos pasemos.
  3. Corrixir de sal, se fai falta.
  4. Servir cun pouco de aceite, pementón doce e uns cacaués esmagados.

Que aproveite!


Comments

  1. O cacaué é un paxaro do Brasil. Suponho que te referirás a manteiga de amendoín ou de manises.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *