Lentellas con sobrasada

As lentellas, igual que os garavanzos, foron introducidas en Galicia polos maragatos, e ata hai unhas décadas non era un prato moi común. Hoxe en día xa se atopan en moitos menús, xa que son un legume moi agradecido e dan para facer pratos saborosos e baratos, coma este.

Se non tendes sobrasada, podédela cambiar por chourizo ou incluso facer unha versión vexetariana cun par de pementos verdes e pementa de Caiena. En todo caso, vai sair un estofado estupendo que presta moito nestes días de inverno 😉

Ingredientes (para 4-5 racións)

300 gr de lentellas

100 ml. de viño branco

70 gr de sobrasada

2 tomates, maduros

Unha pataca mediana, pelada e cortada en anacos de 1×1 cm.

2 dentes de allo

Media cebola

Unha folla de loureiro

4 culleres de aceite de oliva

Media culleriña de sal

  1. Poñemos as lentellas a remollo xusto antes de comezar.
  2. Cortamos os allos e a cebola en rodas finas, e tomate en dadiños.
  3. Nunha pota grande, quecemos o aceite a lume medio, botamos o allo, a cebola e cando comecen a dourar, o tomate. Deixamos cocer 5 minutos e engadimos o viño.
  4. Seguimos a cocer (sempre a lume medio) ata que reduza o viño. Engadimos a sobrasada e agardamos a que derreta. Deixamos cocer 10 minutos máis.
  5. Botamos as lentellas, o sal, o loureiro e a pataca. Engadimos 1300 ml de auga.
  6. Cocemos durante unha hora, sempre a lume medio. Axustamos o sal se fose preciso.

Coma todos os rustridos e guisos, está moito mellor ao día seguinte, o que o fai un prato ideal para facer na fin de semana e ir comendo durante a semana.

Que aproveite!

Comments

  1. que bom!

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *