Farl, pan de pataca

Esta é unha receita típica do norte de Irlanda, aínda que o seu nome vén da palabra escocesa fardel, que quede dicir catro partes. Non é una receita moi apta para o verán, pero como seica este ano non hai, chega o tempo para probar.

Ingredientes (para catro persoas)

4 patacas medianas
100 gramos de fariña + un chisco para botar na tixola
50 gramos de manteiga morna
Un pouco de sal

  1. Pelar e cortar as patacas pola metade. Botar a cocer nunha pota con ben de auga ata que se poidan pinchar comodamente cun garfo. Despois de escorregalas, deixalas un pouco máis ao lume para que queden ben secas, tipo cachelo.
  2. Colocar as patacas nun bol e esmargar cun garfo ata facer unha pasta. Engadir a fariña tamizando cun colador, a manteiga e o sal. Seguir esmagando.
  3. Botar fariña nunha superficie lisa e verter o contido do bol, amasar ata que quede un pouco pegañento. Cunha botella enfariñada, estender a masa formando un círculo de aproximadamente 22 centímetros de diámetro e un centímetro de grosor.
  4. Usando un coitelo enfariñado, dividir en catro partes iguais. Quentar unha tixola e botar un chisco de fariña, repartindoo ben pola superficie. Pasar os cachos de farl cinco minutos por cada lado, ata que estean un pouquiño marrons e algo duriños por fóra. Engadirlles un pouco de sal por riba.

En Irlanda tómanas con touciño, ovos e/ou con black pudding (salchichas de sangue). Eu cominas con xamón serrano e estaban ben boas, tamén podedes probar con queixo brie ou roquefort, e plan lixeiro, cunha ensalada de tomate adobado con aceite de oliva. Non as deixedes enfriar, que entón non valen nada... se tendes que agardar por algo, tapádeas cun pano.

Que aproveite!


Panna cotta con salsa de amorodos

A panna cotta, ou nata cocida, é un postre italiano orixinario da rexión do Piamonte. Asemella un flan, pero non leva ovos, e a pesares de estar feito de nata é un postre moi lixeiro. Eu fíxeno con amorodos porque me gusta o toque un pouco acedo que lle dan, aínda agora que a tempada está a rematar podedes probar a botarlle framboesa ou cereixas. E se sodes moi larpeiros, chocolate derretido o doce de leite...

 

Ingredientes (da para 5 ou 6 vasiños):

500 ml. de nata para montar (35%MG)

100ml. de leite gordo

1 rama de vainilla (se non tendes, pódese usar tamén unha culleriña de extracto de vainilla)

4 láminas de xelatina

4 tiras de casca de laranxa ou limón

5 culleres de azucre

Para a salsa:

200 gr. de amorodos

1 culler de azucre

Un chisco de zume de laranxa (ó gusto)

 

1. Nunha tixola botamos a metade da nata, o leite, 2 culleres de azucre a vainilla e as cascas. Quentámolo a modiño durante 15 minutos, vixiando para que non chegue a ferver.

2. Metemos a xelatina nun prato con auga para que abrande. Despois de cinco min¡utos de reposo, botámola na tixola e remexemos ata que derreta. Retiramos a tixola du lume.

3. Nun bol botamos o resto da nata e o azucre (3 culleres) e batémola ata que quede montada. Un truco para ir acabar antes e enfriar a nata no frigorífico, ou botarlle un cubiño de xeo mentres se bate, e quitalo ó final.

4. Con moito coidado, vertemos a mestura da tixola no bol, batendo cunhas variñas (ou dous garfos) de abaixo arriba para que non baixe a nata. Cando estea uniforme, repartímolo en vasiños pequenos, deixamos enfriar e metémolo no frigorífico tapados con papel de prata ou film.

5. Picamos os amorodos en anacos pequenos, botamos o azucre e o zume por riba e deixamos reposar no frigorífico.

6. Aínda que con agardar 2 ou 3 horas é suficiente, é recomendable deixar todo reposar toda a noite.

7. Pasamos os amorodos pola batidora, ata quedar una salsa uniforme.

8. Baleiramos os vasiños nun prato. Se á panna cotta cóstalle sair, podemos meter a base dos vasiños nunha pota con auga quente: entre 30 segundos e  un minuto, para que non derreta.

9. Botámos a salsa de amorodos ó gusto de cada un.

A desfrutar!

 

/em