Moqueca (estofado) de peixe

A moqueca é un guiso de peixe típico do Brasil. O seu peculiar nome vén da lingua tupi, é un derivado de de moquém, que significa algo así coma “secador”. Na técnica tradicional dos indíxenas o costume era asar a carne ou peixe nunha folla para cocelos no seu propio zume. Coma todas as receitas tradicionais, ten moitas variantes, e dúas rexións teiman por ser a que serven a auténtica moqueca, neste caso o estado de Baía e o de Espírito Santo, no sur.

É un prato  de sabor moi intenso, e paga a pena probalo: esta receita está adaptada para o padal europeo (máis sosiño): cambiei o aceite de palma por xirasol e aínda que soe raro, o leite de coco, e eu non llo botei porque non gusto do seu sabor. De todos os xeitos, é saborosísimo: non quedou nada no prato!

Ingredientes (para 4 racións)

4 filetes de peixe branco (pescada, panga ou bacallao sen salar)

2 tomates, cortados en rodas

2 pementos verdes, sen sementes e cortados en rodas

2 pementos amarelos, sen sementes e cortados en rodas

2 cebolas pequenas, peladas e cortadas en rodas finiñas

2 culleres de aceite de oliva

1 culler de aceite de xirasol

300 ml de leite de coco (OPCIONAL)

1 lima

Media pastilla de caldo vexetal

Unha presa de coandro fresco, ben picado

Sal e pementa negra

  1. Quecemos o aceite de oliva nunha tixola e botamos os pementos verdes e os amarelos. Cociñamolos durante 1o minutos, ou ata que comecen a estar brandos e transparentar.
  2. Botamos os tomates por riba, despois o aceite de xirasol, o leite de coco (podédelo cambiar por auga, que é o que fixen eu) o coandro, o sal e a pementa. Deixamos cocer a lume medio sen remexer durante 5 minutos.
  3. Colocamos os filetes de peixe por riba e deixamos cocer, sen remexer cunha tapa por riba durante 5-7 minutos, dependendo do grosor.
  4. Pasamos a moqueca a un prato e aliñamola co zume da lima, un chisco máis de sal e un pouco de aceite de oliva. Acompañámola co arroz branco, cachelos ou pan, o que prefirades!

Bo proveito!

moqueca_1

 

 


Comments

  1. Cecilia Fernández
    20/03/2016 - 10:39

    Parabéns no nome do equipo da revista Coolt polo teu recuncho de cociña. Realmente inspirador.

    • Ola Cecilia! Moitas grazas polo comentario. Acabo de ver a vosa revista, non a coñecía, e encántame 🙂 Dá gusto ver proxectos así, e en galego! Un saúdo

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *