Mousse de limón

Esta sobremesa é unha ledicia, especialmente despois dunha boa paparota! A mousse é dixestiva e lixeira, ideal para facer nestas festas; esta ten un sabor a limón intensísimo: tanto, que se non vos gusta así e queredes que quede máis suave, probade a botarlle un limón no canto de dous. A receita é unha adaptación desta outra.

A miña recomendación é que a deixedes repousar no frigorífico toda a noite, se non tendes tempo, polo menos dúas horas. Se sobra, pode gardarse ben na neveira dous ou tres días. Se vos gustan as mousses, botádelle un ollo a esta de manga, ou a esta torta de mousse de chocolate e café. Se por casualidade tendes limóns de sobra na casa, pode que vos interese este artigo: Cinco trucos para facer cun limón.

Ingredientes (para 4-6 racións)

3 ovos grandeiros

2 limóns

200 ml de nata para bater

200 gr. de azucre

6 culleres de auga

10 gr. ( un sobre, ou 6 láminas) de xelatina neutra

Un belisco de sal

Aménodas picadas, para a decoración

  1. Relamos os limóns e facemos zume deles.
  2. Separamos os ovos en claras e xemas.
  3. Nun bol grande botamos as xemas, o azucre, o zume e o relado de limón. Batemos todo ata que aclare a cor e teña unha consistencia homoxénea.
  4. Quecemos a auga nun prato fondo, no microondas. Cando estea quente, pero non fervendo, botamos a xelatina e remexemos ben cunha culler, mellor de metal.
  5. Batemos a nata nun bol ata que faga “piquiños” na superficie. Lembrade que cando máis fría estea de antes, mellor vai subir.
  6. Xuntamos a xelatina ca nata, tendo conta que non queden grumos. O mellor é bater a man cunha batedora de variñas, a modiño.
  7. Botamos esta mestura no bol do paso 3, repetimos o procedemento.
  8. Batemos as claras e mailo sal a punto de neve.
  9. Repetimos o paso 6, batendo con movementos amplos para non estragar demasiado o punto de neve.
  10. Botamos nuns vasos de cristal, tapámolos e deixamos repousar alomenos dúas horas.
  11. Decoramos con reladura de limón, améndoas, noces, etc.

Que aproveite!

mousse_limon_4

 


Comments

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *