Noodles con carne, verduras e soia

Xa sei que non é un prato moi típico destas datas (en realidade, de ningunhas :D) pero quería aproveitar que o outro día fixen uns noodles cunha receita taiwanesa e quedaron súper saborosos. En realidade aqueleina cos ingredientes que tiña máis a man, a receita orixinal é ésta, e leva moitas máis cousas…

Este é un prato que precisa un pouco de paciencia, sobre todo para cortaren todo ben picado, despois faise de contado! Se queredes abraiar a alguen cun prato distinto, estes noodles son ideais, tamén podedes substituir a vitela por polo (ou por froitos secos, se non queredes comer carne). E se non dades comprado noodles, empregade arroz branco, tamén está moi rico! As instruccións para cocer o arroz branco son éstas.

Ingredientes (para dúas racións grandes):

150 gr. de noodles (de trigo ou arroz)

150 gr. de carne de vitela, cortada en dadiños.

1 cebola pequena, mellor se é doce

1 dente de allo

Medio feixe de apio

150 gr. de cogumelos en conserva, cortados en anacos pequenos.

5 culleres de aceite de xirasol

Sal e pementa

Unhas ramiñas de herba limoeira ou de ceboliño, para a decoración.

Para o mollo:

150 ml. de auga, morna

1/2 pastilla de caldo de polo

3 culleres de mollo de soia

1 culler de vinagre de Módena

1 culler de azucre moreno de caña

  1. Cocemos  os noodles segundo as instruccións do fabricante.
  2. Nun bol pequeno, mesturamos os ingredientes do mollo, remexendo ben para mesturar. Deixamos repousar.
  3. Quentamos o aceite de xirasol nunha tixola grande, a lume medio. Cortamos as ramas do apio en rodas finas (ollo, as follas non se comen!) e botámolas a dourar. Facemos o mesmo coa cebola, mesturando todo durante 3 ou 4 minutos, ata que douren.
  4. Cortamos o allo o máis pequeno que poidamos, engadímolo á tixola.
  5. Botamos a carne a fritir cas verduras, durante 2 minutos, non ten que estar feita de todo aínda. Engadimos tamén os cogumelos ben cortadiños, remexendo ben.
  6. Engadimos o mollo, o sal e a pementa e deixamos que coza (sen chegar a ferver) durante 2 ou 3 minutos.
  7. Colocámos os noodles nun prato, botamos o preparado da tixola por riba e decoramos cas herbas cortadas en rodiñas finas.

Que aproveite!

 

noodles_3


Comments

    • Ola Xavier
      É certo que polas súas propiedades, o de oliva é máis san, pero tamén ten un sabor moi forte, por iso nesta receita está recomendado o de xirasol.

      Un saúdo!

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *