Hummus de cacaué

Nesta casa somos moi fans do hummus, e a verdade e que de todos os que fixen, atopo que este é o máis saboroso. Outro punto a favor é que non se pega tanto ao padal como o normal, aínda que hai xente que lle gusta iso, a min acábame cansando un pouco.

A receita é unha adaptación dunha de Nigella Lawson (está na listaxe fixa da dereita) e zafa moito para facer algo de picar ou unha cea rápida entre semana: unha torrada de pan, algo de verduras, e listo! Se queredes ver máis receitas de hummus, tendes unha básica, outra a base de lentellas e outra de fabas e tomates secos. Se vos gusta a manteiga de cacaué non deixedes de ler esta receita de madalenas con manteiga de cacaué.

Ingredientes (para 6 racións, aprox.)

400 gr de garavanzos cocidos

3 culleres de manteiga de cacaué

3 culleres de queixo crema

5 culleres de aceite de oliva

5 ou 6 cacaués torrados e pelados, máis uns poucos para decoraren

Zume de medio limón

Media culleriña de sal

Media culleriña de comiño en po

Un dente de allo picadiño (opcional)

  1. Botamos todo na trituradora e dámoslle unha boa volta, para que mesture ben.
  2. Se queda moi espeso, engadide máis zume de limón e/ou aceite, incluso un pouco de auga morna. O importante é ir a modiño e que non nos pasemos.
  3. Corrixir de sal, se fai falta.
  4. Servir cun pouco de aceite, pementón doce e uns cacaués esmagados.

Que aproveite!


Galletas de figos e noces

Estaba eu buscando como aproveitar os figos que me sobraran de facer a ensalada de outono e vin estas gorentosas galletas por Internet adiante. Ao final acabei improvisando algunhas cousas e o resultado foi moi bo: non son moi crocantes pero teñen un sabor e un arrecendo fantástico. Coma é lóxico, os figos pódense cambiar por outra cousa "pasa" que non estea moi seca e as noces por améndoas ou abelás.

Se, coma min, sodes  de facer galletas na casa, tamén podedes ver estas de dátiles, estas de vainilla ao estilo vienés ou voltar ás clásicas de pébedas de chocolate. Cales son as vosas galletas favoritas?

Ingredientes (para unhas 14 galletas coma a da foto)

200 gr de fariña triga

100 gr de noces, peladas e picadas

100 ml de aceite de xirasol

70 gr de azucre

4 figos pasos, grandes e cortados en anaquiños

Un ovo

Media culleriña de fermento químico, tipo Royal

Media culleriña de extracto de vainilla

Un belisco de sal

  1. Quecemos o forno a 170º, arriba e abaixo.
  2. Nun bol, mesturamos todos os ingredientes agás a fariña.
  3. Remexemos e imos engadindo a fariña pouco a pouco.
  4. Dámoslle forma cas mans ou cunha culler. Para que teñades unha referencia, vai ben coller anacos de masa do tamaño dunha pelota de ping-pong.
  5. Colocámolas nunha bandexa con papel de forno, deixando espacio dabondo entre elas para cando suban.
  6. Aplastamos un chisco a superficie e cocémolas no forno durante 15 ou 20 minutos, ata que estean douradas por riba.
  7. Deixamos o papel de forno cas galletas por riba dunha bandexa de rellas. Unha vez frías, gardámolas nun recipiente hermético, onde poden quedar 3 ou 4 días.

Que aproveite!

 

 


Lentellas con sobrasada

As lentellas, igual que os garavanzos, foron introducidas en Galicia polos maragatos, e ata hai unhas décadas non era un prato moi común. Hoxe en día xa se atopan en moitos menús, xa que son un legume moi agradecido e dan para facer pratos saborosos e baratos, coma este.

Se non tendes sobrasada, podédela cambiar por chourizo ou incluso facer unha versión vexetariana cun par de pementos verdes e pementa de Caiena. En todo caso, vai sair un estofado estupendo que presta moito nestes días de inverno ;)

Ingredientes (para 4-5 racións)

300 gr de lentellas

100 ml. de viño branco

70 gr de sobrasada

2 tomates, maduros

Unha pataca mediana, pelada e cortada en anacos de 1x1 cm.

2 dentes de allo

Media cebola

Unha folla de loureiro

4 culleres de aceite de oliva

Media culleriña de sal

  1. Poñemos as lentellas a remollo xusto antes de comezar.
  2. Cortamos os allos e a cebola en rodas finas, e tomate en dadiños.
  3. Nunha pota grande, quecemos o aceite a lume medio, botamos o allo, a cebola e cando comecen a dourar, o tomate. Deixamos cocer 5 minutos e engadimos o viño.
  4. Seguimos a cocer (sempre a lume medio) ata que reduza o viño. Engadimos a sobrasada e agardamos a que derreta. Deixamos cocer 10 minutos máis.
  5. Botamos as lentellas, o sal, o loureiro e a pataca. Engadimos 1300 ml de auga.
  6. Cocemos durante unha hora, sempre a lume medio. Axustamos o sal se fose preciso.

Coma todos os rustridos e guisos, está moito mellor ao día seguinte, o que o fai un prato ideal para facer na fin de semana e ir comendo durante a semana.

Que aproveite!


Madalenas de abelás, viño e cacau

A lista de ingredientes destas madalenas é un pouco longa, pero son ben sinxelas de facer! E teñen un sabor marabilloso, a combinación do torrado das abelás, o viño tinto e o cacau en po... dan para un almorzo ou merenda ben goretonsos.

O cacau en po ten que ser desgraxado, non vale o de almorzar tipo Cola cao ou Nesquik. A marca que máis adoita haber nos supermercados é Valor, que está bastante ben. Tamén podedes mercalo en tendas a granel .

Se queredes máis ideas para madalenas, pasádevos por esta receita de madalenas con nata e noces, éstas de castaña e vainilla ou por esta de madalenas de plátano e avea.

Ingredientes (para 12 madalenas, aprox.)

150 gr de fariña de trigo

125 gr de manteiga, tépeda

80 gr. de abelás torradas e moídas

3 ovos grandes

2 culleres de cacau en po desgraxado

50 ml de viño tinto

1 culler de coñac, ron, brandy... (opcional)

2 culleriñas de Maizena

1 culleriña de fermento en po

1/2 culleriña de canela en po

1 belisco de sal

Azucre glas, para decoraren

  1. Prequecemos o forno a 170º
  2. Nun bol, batemos a manteiga e os ovos cunha batedora de variñas, ata que claree.
  3. Botamos os ingredientes líquidos, e seguimos batendo.
  4. Botamos os ingredientes sólidos, un de cada vez, mentres seguimos batendo.
  5. Colocamos os moldes de madalena nunha bandexa, eu usei uns de papel metidos nuns de silicona, pero tamén podedes usar os de metal.
  6. Cocemos durante 10-15 minutos, tendo conta do forno, que estas masas sin un pouco delicadas. Cando lle metades unha agulla de calceltar e saia seca, xa están listas.
  7. Deixamos arrefríar nunha bandexa con rexas, para que lles dea o aire tamén por abaixo.
  8. Decoramos co azucre glas e gardamos nun tupperware, estarán mellor ao día seguinte. Se estan ben tapadas, aguantan 3 días!

 

 


Salmón asado con laranxa e mel

Despois de moito tempo sen facer receitas de peixe, voltamos cun ESPECTACULAR salmón á laranxa e mel. Un prato lixeiro e moi doado de facer, que vos ha apañar as ceas e almorzos nun pis-pas.

Se vos gusta o peixe, botádelle un ollo a este salmón con crocante de limón, esta pescada ao viño branco ou a esta receita brasileira para facer unha moqueca de peixe.

Ingredientes (para 4 racións)

500 gr. de solombo de salmón, mellor con pel

4 ou rodas de laranxa natural

125 ml. de zume de laranxa natural

Unha cebolla ben picada

Pel relada dunha laranxa

4 culleres de mel, mellor se é oscura

Sal e pementa negra ao gusto

  1. Prequecemos o forno a 180º, por riba e por baixo.
  2. Nun bol, mesturamos o zume, a cebola, a reladura de laranxa e o mel, remexemos ata que estean ben mesturados.
  3. Nunha fonte de cristal, colocamos o salmón e botamos o mollo por riba. Decoramos cas rodas de laranxa.
  4. Cocemos durante 15 ou 20 minutos, e podemos poñer a parte de arriba para gratin durante 5 minutos máis para que quede un pouco máis torrado. Ollo: estade atentos para que non queime a laranxa.
  5. Servimos acompañado de verduriñas, arroz, puré de pataca... Estará riquísimo!

Que aproveite!