Pan de centeo con tomates secos e cebola fritida

Este foi un experimento que fixen ó chou, e saiu bastante ben. Non fai falla panificadora nen instrumentos especiais, só un pouco de paciencia, xa que en total leva catro horas: pódense facer cousas polo medio, pero hai que andar pendente da fermentación. Aínda así penso que paga a pena, xa que dá moito gusto velo no forno, e a partires desta receita sácanse moitas variacións: con noces, olivas, pipas…

Como podedes imaxinar, é un pan se se come só, tamén queda ben torrado e con aceite de oliva, ou para facer un bocadillo de queixo a media tarde.

Ingredientes (para dúas bolas medianas):

350 gramos de fariña de trigo, de forza – vendena no súper ou nas panaderías

150 gramos de fariña de centeo – máis non se lle pode botar porque non sobe

1 cebola morada

6 ou 7 tomates secos, de bolsa

25 gr. de fermento fresco – da sección refrixerados do súper

1 culler de sal

4 culleres de aceite de oliva

  1. Media hora antes de comezar, poñer os tomates nun vaso con auga, para que hidraten.
  2. Meter o fermento nun bol con 350 ml. de auga morna, ata que disolva.
  3. Nun bol, mesturar a fariña de trigo ca de centeo e o sal, botar a auga co fermento e remexer ben. Deixar reposar cun pano por riba.
  4. Cortar a cebola en láminas moi finas, e despois en anacos pequerrechos.
  5. Quentar unha tixola, botar dúas culleres de aceite. Cando quente, botar a cebola e baixar o lume a metade. Remexer de cando e cando as cebolas ata que minguen e estean un pouco marrons e brandas. Apagar o lume.
  6. Cortar os tomates en cadrados pequenos, e botalos á masa xunto cas cebolas fritidas. Remexer ben.
  7. Botar dúas culleres de aceite nunha pota, estender, e verter a masa na pota. Tapar e deixar reposar na calor que aínda quede de cociñar a cebola.
  8. Despois dunha hora a masa crece ata dúas ou tres veces o seu tamaño orixinal. Enfariñar unha superficie lisa, verter a masa fermentada e amasar ata que non se pegue. Facer dúas bolas, tapalas cun pano e deixar reposar durante unha hora máis.
  9. Prequentar o forno a 220º, enfariñar a bandexa e meter as bolas de pan a cocer. Para que lle quede unha codia máis dura, coller un chisco de auga e estendela pola masa ca man antes de metela no forno.
  10. Despois de media hora, o pan debería estar feito. Para comprobalo, ao sacalo golpeamos a base co puño. Se soa oco, é que xa está cocido.
pan de cebola

Preme na imaxe para vela máis grande

 

Que aproveite!


Comments

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *