Pan de mel

Que tal estades? Xa chega o bo tempo e xa se pode sair, parece que pasaron 1000 anos dende que estabamos nos bares e na rúa…

Vós sodes dos que vos afeccionastes a facer pan? A min dame un pouco de medo meterme a facer lévedo natural, así que quixen probar unha receita sinxela que tivese menos marxe para meter a zoca 🙂 A verdade é que fiqueu moi contenta co resultado: sae un pan levemente doce, que arrecende que dá gusto e como ten moita humidade, resulta ideal para facer torradas ou sandwiches. Tamén se pode conxelar en rebandas para os vindeiros almorzos ou merendas 😉 Eu usei un molde rectangular de 23×12 cm., para que vos fagades unha idea.

Hai moito mel de calidade, pero eu utilicei, e reconméndovolo, o mel da serra do Xurés. Trátase dun mel multiárbore, escuro, que ten un sabor moi intenso e un cheiro fantástico. Véndeno en case todos os supermercados grandes e en tendas de alimentación

Ingredientes (para unhas 12 rebandas aproximadamente)

450 ml de auga a ferver

100 de flocos de avea

100 de azucre

Unha culler de mel

50 gr de manteiga

2 culleriñas de sal de mesa

15 gr de lévedo fresco

170 gr de fariña de forza

500 gr de fariña triga de todo uso

Un chisco de aceite de xirasol para engraxar

Un chisco de leite gordo ou ovo batido para pintar a parte superior

  • Nun bol grande mesturar a auga ca avea, o mel, o azucre, a manteiga e o sal. Remexemos ben cunha culler de pau e deixamos repousar 15 minutos
  • Engadir o lévedo desmigado, e fariña en varias quendas, mentres remexemos na mesma dirección ca culler de pau. Ao final vai custar un pouco, pero quedará unha masa suave e homoxénea.
  • Deixámolo levedar unha hora e media tapado cun film transparente.
  • Engraxamos o molde de metal e facemos un transvase da masa coa axuda dunha espátula.
  • Tapamos co film transparente e deixamos repousar unha hora máis.
  • Prequentamos o forno a 175º
  • A masa ten que ter subido bastante. Cun pincel de silicona pintámola por riba con leite ou ovo batido, para que doure mellor.
  • Cocemos 30 minutos na parte media-baixa do forno e cando estea ben alto, cambiámola á parte media-alta para que coza 10 minutos máis.
  • Deixamos arrefriar, este pan aguanta varios días feito e tamén se pode conxelar en rebandas para torrar outro día.
Con manteiga e marmelada de framboesa da miña nai

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *