Pizza rápida de xamón e brócoli

Canto mais se cociña, máis se aprende a aroveitar ingredientes soltos que andan no frigorífico ou na despensa. A idea para esta pizza xurdiu de comer o brócoli que quedaba dun xeito mís apetitoso que cas patacas cocidas ou de guarnición, e o resultado foi delicioso... Se non tendes brócoli, probade a substituilo por acelgas, espinacas ou grelos, ha queda ben seguro!

O da pizza rápida, igual ca empanada, é un dicir, depende de con que o comparemos. Se é cunha pizza precociñada é moi lento, pero comparado a facer unha pizza con 24 horas de antelación para que fermente ben, entón si que parece rápido. Se vos dicidides a facer esta receita, contade unha hora e media de antelación para darlle tempo a levedar e preparar todos os ingredientes.

Ingredientes (para 3 ou 4 persoas)

300 gr. de fariña de forza, máis un chisco para amasar (para isto vale a triga normal)

200 ml de auga morna

20 gr. de fermento fresco

Media culleriña de sal

Unha culler de aceite de oliva

Para a cobertura

2 ou 3 culleres de mollo de tomate

Unha bola de mozzarella

2 ou 3 "pólas" de brócoli cocido

75 gr. de xamón serrano ou paletilla

Unha presa de queixo relado (tipo emmental, gouda, etc.)

Unha presa de cebola crocante (das que se usan para hot dogs, é opcional)

Un belisco de sal

  1. A masa de pizza é moi doada de facer: Nun bol  grande botamos a fariña e o sal, remexemos e facemos un oco no medio. Disolvemos o fermento na auga e metémolo no burato xunto co aceite.
  2. Remexemos cunha espátula ata formaren unha masa pegañenta pero que se separe das mans. Estendemos un pouco de fariña no mesado e amasamos. Colocamos a bola de volta no bol e tapamos cunha rolla ou film transparente.
  3. Deixamola estar nun sitio tépedo (a carón dun radiador, por exemplo) ata que doble o seu tamaño. Ha tardar unha hora, aproximadamente.
  4. Cortamos papel de forno para que teña a medida da bandexa e colocámolo no mesado. Estendemos a masa e ca axuda dun rodillo ou botella (ou cos dedos) facemos un rectángulo cun grosor máis ou menos homoxéneo.
  5. Prequentamos o forno a 250º
  6. Cortamos a mozarella en rodas finas, o brócoli en anaquiños pequenos e o xamón en tiras.
  7. Estendemos o mollo de tomate, colocamos a mozarella, o brócoli, o xamón, o queixo relado e a cebola, se a queredes. Que quede todo ben repartido, deixando unha marxe dun ou dous centímetros para que non desborde. Repartimos o sal por riba.
  8. Cocemola a altura media durante 15 minutos, ou ata que estea dourada polas beiras.

Que aproveite!

pizza-rapida-brocoli-3  pizza-rapida-brocoli1


Taralli sugna e pepe

Trenzas de unto e pementa negra - Taralli sugna e pepe

Os taralli son un petisco orixinario do sur de Italia. A súa versión máis coñecida é a que ven da rexión de Puglia: alí fanos con viño e forma redondeada. En Nápoles en cambio, non andan con brincadeiras e elabóranos grandes e con unto! A xente tomaos mentres bebe unha cervexa, e non é de estrañar, ca pementa e o sal é unha combinación ideal. Esta é unha adaptación, algo simplificada, desta receita.

Non é un petisco tan salgado coma pode parecer, está moi bo para merendar cunha cervexa ou un refresco. A verdade é que un pouco de sede si que dá, pero perdoaselle polo sabor tan adictivo que teñen.

Ingredientes (para 10-12 pezas)

400 gramos de fariña de pan, da que se merca na panadería.

100 ml de auga morna

150 gr. de unto (lardo)

1 cadrado de 25 gr de lévedo fresco

1 culleriña de sal

2 culleriñas de pementa negra

Améndoas peladas ao gusto

  1. Nun bol, botamos a fariña tamizándoa, para que non queden grumos despois. Engadimos o unto, o lévedo, o sal, a pementa e maila auga morna.
  2. Remexemos coas mans ata que se faga unha masa homoxénea.
  3. Colocámola nun mesado e seguimos amasando. Deixamola no bol outra vez para que fermente durante 30 minutos, aproximadamente. Se vai frío, deixádea estar unha hora.
  4. Arrincamos anacos da masa para facer tiras dun 1 cm de diámetro e 30 de lonxitude, aproximadamente. Non hai máis que frotar nas mans ata darlle unha forma homoxénea, como de regaliz gordiña.
  5. Prequentamos o frono a 150º.
  6. Cas tiras pódense facer trenzas ou roscos, como podedes ver nas fotos. Se facedes trenzas, cortádeas en anacos de 5 cm.
  7. Colocámos as amñendoas por riba. Eu empreguei as de tipo marcona, hainas de varias marcas e son as que máis me gustan.
  8. Cocemos no forno durante media hora, ou ata que estean douradas por riba.

Que aproveite!

taralli1

taralli2


Pizza "Cebreira"

Nun principio o nome da pizza ía ser "pizza con masa de millo, bonito, cebola e queixo do Cebreiro", pero como non caibía, queda abreviado que soa mellor. Quen sabe se se algún día se converterá nun nome de uso común :D

Como podedes ver nas fotos, o resultado é un pouco "focacciesco", porque non estendín a masa dabondo e creceu demáis. Además, o queixo do Cebreiro non derrerta tan ben coma a mozarella, pero paga a pena polo sabor tan especial que le dá.

Isto das masas vai un pouco por gustos, se vos gusta a gordiña e suave facédela tal cal, se queredes algo máis fino e crocante, podedes ler uns consellos no blogue "Uno de dos", grandes expertos neste tema. O do ourego dentro da masa vén de Kukinhas, que ten unha estupenda selección de pizzas, entre moitas outras receitas. A mín gustame o efecto estético, pero podédelo poñer co queixo, quedará un sabor máis intenso.

Ingredientes (para unha pizza grandona)

100 gr. de fariña milla

100 gr. de Maizena

100 gr. de fariña de forza (a que venden na panadería)

200 ml. de auga morna

12 gr. de lévedo fresco

1 culler de aceite de oliva virxe + un chisco para o final

3 culleriñas de pasta de tomate concentrada (pódese substituir por tomate fritido)

180 gr. de queixo do Cebreiro

1 lata de ventresca de bonito

1/2 cebola morada

1 culleriña de ourego

Aceite de oliva virxe ao gusto

Sal

  1. Nun bol, mesturamos todas as fariñas cun media culleriña de sal e o ourego, remexemos.
  2. Botamos a metade da auga morna nun vaso e derretemos o lévedo dentro.
  3. Engadimos a auga (a do lévedo e a outra) a modiño mentres remexemos. Botamos tamén a culler de aceite e seguimos remexendo ata que a masa case non quede pegada ás mans.prep1
  4. Facemos unha bola, metémola no bol, tapámolo cun pano e dexamos repousar 2 horas. Se vai frío, deixádeo máis tempo. Este é o aspecto despois de pinchalo un poucoprep2
  5. Sacamos a masa do mol e amasamos un par de minutos.
  6. Colocamos papel de forno nunha bandexa e esparexemos un pouco de fariña milla, para que non quede pegado. Estendemos a masa todo o que poidamos.prep3
  7. Prequentamos o forno a 180º pola parte de abaixo.
  8. Untamos a pasta de tomate, engadimo o queixo esfarelado, o bonito e maila cebola en rodas. Rematamos botando un pouco de aceite e sal.
  9. Cocemos na segunda balda do forno (empezando por abaixo) durante 15-20 minutos.
  10. Acendemos o forno pola parte de arriba tamén, subimos a bandexa dúas baldas e deixamos 5 ou 10 minutos máis.Pizza "Cebreira", con queixo de Cebreiro

E vós? Anivádesvos a facer pizza na casa?

Que aproveite!

Pizza "Cebreira", con queixo do Cebreiro


Empanada rápida de bonito

O de rápida é un dicir, porque unha empanada rápida-rápida non pode ser, pero aquí tendes unha versión máis sinxela para facer na casa, en máis ou menos media hora (sen contar o forno).

A receita para a masa está sacada do libro Cocina gallega de Álvaro Cunqueiro e Araceli Iglesias (igual cas vieiras ao forno, boísimas!) e ao non levaren fermento, fai un efecto máis de enchenta cando a comes, aparte de ter unha textura un pouco máis areosa. O tema do recheo vai a gusto de cada un, a min gustame con moito, hai xente que as prefire máis finiñas.

O tema da zaragallada: eu comprei unha lata da cooperativa O rosal nunha tenda da Guarda, sei que teñen bastante distribición, así que penso que estará dispoñible nos supermercados habituais. Se queredes facela vós, só tendes que sofritir unha cebola a lume medio, engadir un pemento verde e un tomate cortados, deixándoos no lume ata que queden brandos.

Ingredientes (para unha empanada de 6-8 racións)

1 vaso pequeno de viño branco

1 vaso pequeno de aceite de oliva

1 vaso pequeno de leite gordo (enteiro)

Unha culleriña rasa de sal

Fariña de trigo: non hai medidas, a que colla a masa

1 ovo para a cobertura

Para o recheo:

Unha lata de zaragallada

350 gr. de bonito en conserva

Ovo cocido relado (opcional)

Sal e pementa

  1. Quentamos a zaragallada nunha tixola, engadimos o atún, o sal e a pementa. Quecemos 10 minutos, para que se mesturen os sabores.prep3
  2. Nunha pota botamos o viño, o aceite, o sal e o leite. Quecemos ata que estea a punto de ferver e retiramos. Vai ter un aspecto como de que o leite cortou, non pasa nada mentres non cheire mal.
  3. Deixamos arrefriar e tamizamos a fariña pouco a pouco na pota. Imos remexendo cunha culler mentres engadimos a fariña. Cando teña unha textura flexible e se despegue das paredes da pota, está lista. Se vos pasastes coa fariña, podedes engadir un pouco de líquido do rustrido do paso 1 e seguir remexendo. Velaiquí unha foto da masa lista
    prep2
  4. Amasamos brevemente coas mans e facemos unha bola coa masa. Partímola en dous, deixando unha parte algo máis grande ca outra.
  5. Prequentamos o forno a 180º, nos dous lados.
  6. Estendemos a parte grande sobre papel de forno. Dámoslle forma ata que estea rectangular. Colocamos sobre a bandexa do forno.
  7. Repartimos o recheo uniformemente, deixando unha marxe de 3 cm. polas beiras.
  8. Estendemos a parte de enriba (é máis doado sobre un papel de forno) e colocámola por riba do rustrido. Facemos un burato no medio e dobramos a parte de abaixo cara arriba para pechar ben a empanada. Se sobra masa, podedes facer unhas tiras para decorar.
  9. Batimos o ovo cunhas pingas de auga e barnizamos a empanada cun pincel.prep4
  10. Cocemos no forno á altura media durante 30-40 minutos, ou ata que estea ben dourada.

Fixestes algunha vez empanada caseira? Como foi o resultado?

Empanada rápida de bonito e ovoEmpanada rápida de bonito e ovo

 

 


Coca de cabaciña con salchichas e pementos

Se, como di aquel, unha pizza é unha empanada mal feita, a coca sería unha versión aínda peor :D En realidade é moi semellante á pizza, só que non adoita levar queixo e a masa é un pouco distinta: ao principio as cocas eran o xeito de aproveitar a masa do pan que non levedara. O nome "coca" vén de la palabra kok do neerlandés, e ten o mesmo raigame que os cake inglés ou o kuchen alemán. Son típicas de Baleares, Cataluña e o Rosellón, e poden facerse doces ou salgadas.

Como o que eu quería era algo rápido, fixen un chisco de trampa e usei masa de follado xa feita. Para que non soba moito hai que pinchala cun garfo varias veces. Tamén podedes usar masa tipo brisa, ou facela vós segundo esta receita en vídeo. Respecto ás salchichas, eu usei as tipo nuremberger, que son as que máis me gustan, pero valen de calquera tipo.

Ingredientes para unha coca de 28 cm. de diámetro aprox)

Un paquete de masa de follado redonda

1 cabaciña grande

150 gr. de pementos de piquillo

4 salchichas pequenas cortadas en rodas

Aceite de oliva ao gusto

Sal e pementa

  1. Sacamos a masa da neveira e deixámola repousar 5 minutos. Pinchámola varias veces co garfo.
  2. Prequentamos o forno a 180º
  3. Quitámoslle a tona á cabaciña cun pelador. Eu deixo un pouco porque queda logo máis bonito, pero vai a gustos. Cortámola ao longo pola metade.
  4. Facemos lonchas finiñas (2-3 milímetros) ao longo co mesmo pelador. Pódese facer cun coitelo, pero leva máis tempo.prep1
  5. Botámos un pouco de aceite de oliva encima da masa, estendémolo cunha espátula ou culler.
  6. Engadimos a cabaciña, as salchichas e os pementos cortados en anacos finos. Botamos un chisco de aceite por riba, preferentemente en espiral ou facendo zigzag, para repartilo mellor. Engadimos un pouco de sal e pementa.
  7. Cocemos no forno durante 25 minutos ou ata que as beiras douren e as verduras queden brandiñas.

Que aproveite!

coca