Pasta con gambas e allo porro

Esta semana traemos unha receita ben doada de facer, que agadardamos que teña tanto éxito coma a de pasta con espinacas e mascarpone, unha das máis lidas do blog! Para facela non hai que comprar ingredientes exóticos, só leva porros, gambas e limón, mailo sal, a pementa e o aceite para facer o rustrido. É importante que os porros estean ben frescos, só imos utilizar a parte branca e verde claro. A parte escura, a das follas, pódese aproveitar para facer caldo, dálle un sabor moi rico.

Podedes usar a pasta que queirades, lembrade cocela ben! Desta vez usei unha pasta de algas de Bubela Artesá, un proxecto moi interesante que elabora pastas e cervexas en Lugo. Podedes ver os seus puntos de venda nesta ligazón.

Ingredientes (para dúas ou tres racións)

200 gr. de pasta

250 gr. de gambas peladas

2 porros grandes

Zume de medio limón

Reladura dun limón

3 ou 4 culleres de aceite

Sal e pementa

Queixo relado (opcional)

  1. Cocemos a pasta segundo as instruccións do fabricante. Retírámola ao un bol cando estea lista.
  2. Lavamos os porros, cortámolos pola metade horizontalmente, logo cada metade en dúas pero verticalmente, e cortamos tiriñas ao longo.
  3. Quecemos o aceite nunha tixola grande, cando estea quente botamos o porro e deixámolo a lume medio, remexendo de cando en vez ata que comece a dourar.
  4. Botamos as gambas, un pouco de sal e de pementa e deixamos cocer un par de minutos.
  5. Engadimos o zume e a reladura de limón e cocemos ata que as gambas estean ben feitas.
  6. Engadimos a pasta e deixamola quecer un chisco co rustrido.
  7. Servimos quente, cun pouco de queixo relado.

Que aproveite!


Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *