Pasta con grelos e salchichas

Os grelos son un dos clásicos do inverno, e despois de facer a receita dunha lasaña, continuamos a “italianizar” este ingrediente tan galego.

Aínda que é bastante coñecido que os grelos se usan noutros lugares para alimentar o gando, hai moitos sitios onde a xente tamén os come, entre eles , Nápoles. Alí chámanos friarelli e cómense refogados en aceite e allo, na pizza ou con pasta, coma nesta receita, que é unha adaptación doutra que atopei por Internet (normalmente poño a ligazón, pero desta vez non me lembro). Para facelo usei orecchiette, que son  típicos do sur de Italia, pero calquera pasta curta valerá: laciños, tiburóns, etc

Se queredes facer máis pratos de inspiración italiana, podedes probar esta receita de aracinis de lacón e queixo, ou esta outra de pasta con espinacas e mascarpone. E de sobremesa, un infalible tiramisú.

Ingredientes (para dúas racións grandeiras)

400 de grelos frescos

160 gr. de pasta

2 salchichas frescas

1 dente de allo

1 cápsula de caiena (opcional)

Sal e pementa negra

3 ou 4 culleres de aceite de oliva virxe extra

Queixo parmesán

  1. Lavamos os grelos e cortámoslles o tallo e retiramos as follas amarelas, se as houbese.
  2. Cocemolos en auga fervendo durante 10 minutos. Escoámolos gardando a auga nun recipiente, ímola usar para cocer a pasta.
  3. Cocemos a pasta segundo as instruccións, deixando que quede “al dente”, xa que despois ímola cocer un pouco máis.
  4. Nunha tixola grande botamos o aceite a quecer. Pelamos e cortamos o allo en láminas e fritímolo ata que quede dourado. Engadimos as salchichas cortadas en anaquiños e as sementes que haxa na guindilla de caiena e cociñamos durante 5 minutos  a lume medio.
  5. Cando as salchichas estean feitas, engadimos  os grelos, remexendo ben para que  se mesture todo. Despois botamos a pasta, mesturamos todo e servimos ben quente cun pouco de queixo por riba.

Que aproveite!

pasta_grelos_2


Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *