Pastel de allo porro, queixo de San Simón e noces

Gustaríame actualizar máis a cotío, pero ultimamente cando teño tempo non teño gañas de me poñer co ordenador e viceversa… Esta semana imos cunha receita ben sinxela que fai moito avío eses días que non nos queremos complicar moito a vida. É importante que o allo porro vaia cortado moi fino, do contrario tarda moito en cocer e pode repetir despois de comelo. A masa de follado póde facerse a man, pero é moi traballoso así que a mellor opción é comprala na sección de refrixerados. Unha moi recomendable é a do Lidl.

O das noces é unha combinación bastante obvia que se me ocorreu despois do allo porro, pero tamén se poden cambiar por outros tipos de queixo, touciño entrefebrado, atún, uviñas pasas, etc. Se queredes ler máis ideas de pratos sinxelos con masas, tendes esta quiche de brócoli, lacón e cebola seca, ou este saboroso calzone de pera, queixo gorgonzola e touciño

Ingredientes para 2 racións (para facermos prato único, se vai de entrante saen 4)

Un paquete de masa de follado rectangular

Un allo porro mediano

90 gr de queixo San Simón relado

Unha presa de noces

3 culleres de aceite de oliva virxe extra

Un belisco de sal

  1. Prequecemos o forno a 180º.
  2. Sacamos o follado da neveira para que quede a temperatura ambiente.
  3. Lavamos e cortamos o allo porro en rodas o máis finas que poidamos. O verde pódese gardar para facer un caldo e con el unha crema de verduras.
  4. Estendemos o follado co seu papel e pinchámolo todo cun garfo agás as beiras (que quede un ou dous cm. de “marco”)
  5. Estendemos uniformemente o allo porro cas mans. Botamos dúas culleres de aceite de oliva.
  6. Botamos o queixo San Simón, as noces o sal e o resto do aceite.
  7. Cocemos no forno (co calor enriba e abaixo) durante 20 min, ou ata que estea ben dourado polo marco.
  8. Servimos quente ou gardámolo para o día seguinte 🙂

Que aproveite!


Comments

  1. Realmente usas o ordenador para escribir???? Non che tén corrector? “cando tengo tempo non teño gañas”

    • Ola ourenson, si ten corrector, de español, de aí ven o “tengo”. Grazas pola túa aportación, o erro está corrixido. Espero que cando comentes noutros sitios teñas un poquiño máis de educación, un saúdo.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *