Petiscos de cogumelos

Esta semana temos unha receita que semella difícil pola cantidade de ingredientes, pero que en realidade non o é. Ten a vantaxe de poder preparar o recheo o día antes, deixalo repousar para potenciaren o sabor e depois aquelar os petiscos en 20 minutos.

O contraste entre o recheo e a masa de follado crocante é espectacular, e aínda por riba, é unha receita vegana. Se tendes máis ideas para ir facendo variacións, deixádeas nos comentarios ou no Twitter

Petiscos de cogumelos

Ingredientes (para 10 unidades)

2 ou 3 cebolas tenras

250 gr de cogumelos

4 culleres de aceite de oliva virxe extra

2 dentes de allo ben picados e esmagados

2 culleres de mollo de soia

1 culleriña rasa de comiño (opcional)

Sal e pementa ao gusto

Unha rebanda de pan de molde

Un rolo de follado rectangular

50 ml. de leite vexetal

Unha presiña de sementes de sésamo

  1. Lavamos e cortamos a parte branca das cebolas tenras en rodas moi finas.
  2. Quecemos dúas culleres de aceite na tixola e rustrimos a lume medio durante 15-20 minutos, ata que comecen a dourar.
  3. Mentres, pasamos os cogumelos pola trituradora ata obter anacos moi pequenos, sen que chege a ser unha pasta.
  4. Retiramos a cebola a un bol, engadimos dúas culleres de aceite na mesma tixola e cocemos os cogumelos a lume medio 10 minutos xunto co allo, a soia, o comiño, o sal e a pementa.
  5. Botámolos no bol da cebola, engadimos o pan de molde en miolos e mesturamos cunha culler de pau ata que teña unha textura firme.
  6. Prequecemos o forno a 180º, por riba e por baixo.
  7. Estendemos a masa de follado en papel de forno nunha bandexa, colocamos no centro a mestura do bol en forma de cilindro uniforme.
  8. Envoltamos o recheo co follado, pechamos ca axuda dun garfo.
  9. Pintamos co leite e botamos as sementes de sésamo. Cortámolo en 10 anacos e separámolos un pouco entre eles.
  10. Cocemos durante 25-30 minutos, ata que estean ben dourados.
  11. Deixamolos arrefriar, están mellor se os comemos no mesmo día.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *