Pizza de centeo con espinacas e queixo azul

“Mariquiña da forneira/ se coceres faime un bolo,/ se mo fas, faimo de trigo,/ que centeo non cho como.” Este refrán, tirado da Galipedia ilustra  preferencia que se tiña antes pola masa de fariña triga, xa que era máis branca e nutritiva ca de centeo. O que non tiñan en conta é o sabor tan rico do centeo, e a vida que lle da ás masas 😉 Esta masa non queda tipo crocante, é máis ben esponxosa, pero así aguanta ben todo o que leva por riba!

Para facer esta receita usei fariña de centeo semi-integral, pero podedes usar a que queirades, xa que ao ir mesturada ca de forza, ha subir igualmente. Sobre o resto dos ingredientes, unhas pequenas anotacións: a mozzarella de búfala é moito mellor cá de vaca (é máis cara, pero ás veces paga a pena), a pasta  concentrada de tomate atópase nas grandes superficies e tamén vai moi ben para botarrle ó caldo de verduras e por último, as espinacas que empreguei son en conserva, deste xeito é moito máis rápido e práctico.

Ingredientes (para 3 ou 4 racións)

Para a base:

150 gr. de fariña de centeo

150 gr. de fariña triga, de forza + unha presa para amasaren

15 gr de levadura fresca

200 ml. de auga morna

Unha culleriña rasa de sal

2 culleres de aceite de oliva virxe extra 

Para a cobertura:

2 culleres de pasta concentrada de tomate

4 culleres de aceite de oliva virxe extra

1 bóla de mozzarella de búfala

200 gr. de espinacas cocidas e escoadas

60 gr. de queixo azul (roquefort, gorgonzola, etc)

  1. Colocamos a levadura fresca nun vaso, enchémolo con auga morna. Deixamos repousar 10 minutos.
  2. Nun bola grande mesturamos as dúas fariñas co sal e remexemos ben. Facemos un oco no medio e botamos o aceite e a auga do paso 1.
  3. Coa axuda dunha culler de pau, mesturamos ben a masa ata que estea homoxénea, tapamos o bol cunha rolla ou film transparente e deixamolo estar a carón dun radiador 1 hora polo menos. Se fose verán, non cómpre radiador (obvio).
  4. Prequecemos o forno a 200º.
  5. Cando a masa xa estea levedada, estendemos fariña nun mesado e amasamos un pouco cas mans, ata que non se pegue.
  6. Estendemos un papel de forno sobre a bandexa negra do forno e colocamos a masa. Estendémola tendo conta de que quede igual de grosa en todos os sitios.
  7. Botamos dúas culleres de aceite de oliva por riba, xunto ca pasta de tomate. Coa axuda da culler, estendémolo ben.
  8. Cortamos a mozzarella en anacos pequenos e repartímola coa espinaca por toda a pizza. Despois engadimos o queixo azul, tamén en anaquiños: o importante é que haxa de todos os sabores por toda a superficie. Despois botamos dúas culleres de aceite por riba.
  9. Cocemos a pizza na bandexa media do forno durante 20 miniutos, aproximadamente.
  10. Deixámola arrefríar uns intres fóra, colocada na bandexa de rexas do forno.

Que aproveite!

pizza_centeo_1

pizza_centeo_3

 

 


Comments

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *