Polo guisado con verduras e viño branco

A quen non lle gusta o polo guisado? Esta semana traemos unha receita moi doada de facer (en serio, o único que cómpre é un pouco de paciencia). Esta receita viría sendo a versión estival deste polo guisado ao viño tinto.Podedes cambiar as verduras, tamén quedaría ben con cebola e pementos, berenxena, etc.

Xa sabedes que por estas leiras somos moito de polo, podedes velo nesta receita de albóndegas de polo con ananás, ou esta de polo rebozado ao mel.

Ingredientes (para 4 racións)

8 coxas ou contracoxas de polo

Un allo porro

Unha cabaciña

6 metades de tomates secos rehidratados

250 ml. de viño branco, seco ou semi-seco

8 culleres de aceite de oliva virxe extra

Sal ao gusto

1/2 culleriña de tomiño

  1. Poñemos o aceite a quecer nunha tixola ben grande. Douramos ben as pezas de polo e reservamos.
  2. No mesmo aceite botamos o allo porro e a cabaciña cortados en dadiños. Cocemos a lume medio ata que comecen a estar brandos e transparentes.
  3. Engadimos os tomates secos picados, o tomiño e o sal. Remexemos un par de minutos.
  4. Engadimos o viño e deixamos cocer máis ou menos 5 minutos, ata que evapore o alcol.
  5. Botamos o polo de volta á tixola e deixamos cocer, a lume medio, durante 20 ou 30 minutos. E probable que algunhas verduras queden caramelizadas (escuras), pero non vos preocupedes, están moi boas así!

Que aproveite!


Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *