Prasopita – Torta de porros e cebola

Andaba eu procurando unha receita para usar un feixe de porros que esmorecía no frigorífico e din con esta torta salgada orixinaria do noroeste de Grecia, moi doada de facer. Hai versións de pataca (Patatopita) ou de espinacas (Spanakopita), e adoita levar unha base-cobertura de filo: un tipo de follado, igual que o que se usa nos doces chamados baklavas. Eu non fixen porque quería algo rapidiño, se queredes ver como se fai (leva moito traballo) podedes consultar este fantástico video con música de Daft Punk.

É un pastel, que se pode comer quente ou do tempo, e está máis rico ao día seguinte. Velaiquí a receita:

Ingredientes (para 6 persoas):

8 culleres de aceite de oliva

3 ou 4 porros grandóns

Unha cebola mediana, ben picada

3 ovos

350 ml de leite (un vaso e medio)

250 gramos de queixo feta (atopable no LIDL)

200 gramos de fariña

Unha culler de aneto

Unha culleriña de ourego

Sal e pementa ao gusto

 

  1. Prequentar o forno a 180º
  2. Cortar os porros moi finiños e usar a parte branca, deixando a parte verde para facer un caldo, se queredes.
  3. Botar 6 culleres de aceite de oliva na tixola, quentar e botar o porro picado e a cebola ata que douren e estean tenros.
  4. Bater os ovos nun bol grande, engadir o queixo cortado en dadiños, a fariña, as especias e o porro ca cebola. Bater ben.
  5. Untar un molde co aceite de oliva (dúas culleres) e esparexer cun pano de mesa de papel. Verter a masa e cociñar no forno durante 45-60 minutos, dependendo do molde que esteades a usar.
  6. Deixar enfriar, estará máis bo ao día seguinte!
prasopita3

Preme na imaxe para vela máis grande

 

Que aproveite 😉

 


Comments

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *