Pudin con ovo, leite e caramelo

No título non poño “pudin de pan” porque en realidade fíxeno a semana pasada con algo máis de media rosca (industrial) que aínda andaba pola casa dende antes de Reis. Podédelo facer con pan, madalenas, biscoito… é unha boa idea para aproveitar cousas resesas e facer experimentos engadindo cousas: uvas pasas, cognac, noces, pexegos secos, améndoas, etc. Van moi ben, sobre todo co pan.

Hai a quen lle gusta comelo quente, pero eu recoméndovos agardar a que enfrie por completo, e non gardar despois no frigorífico. A temperatura ambiente, se non vai moita calor, aguanta ben tres ou catro días despois de facelo.

Ingredientes (para 8-10 racións)

Algo máis de media rosca de Reis dura (ou media barra grande de pan)

3 vasos de leite

4 ou 5 ovos, según tamaño

180 gramos de azucre

Pel relada dun limón

1 rama de canela

Améndoas, noces, uvas pasas…(opcional)

  1. O primeiro é facer o caramelo no microondas: poñemos 3 culleres cheas de azucre nun molde de silicona ou de cristal, no que máis tarde colocaremos a masa. Botamos tres culleres de auga, remexemos e metémolo a temperatura máxima 15 segundos. Sacámolo e comprobamos que o azucre estea disolto, como almíbar. Repetimos o proceso en quendas de varios segundos, ata que comece a estar marrón. Retiramolo e deixamos que endureza.proceso1
  2. Nunha pota grande quecemos o leite ata que estea a piques de ferver. Apagamos o lume e botamos a pel do limón e a rama de canela. Remexemos e deixamos estar cinco minutos para que colla o sabor.
  3. Quitamos a rama de canela, cortamos o roscón ou o pan en rodas finas, e botámolo á pota. Agadarmos a que chunche todo o leite.proceso2
  4. Nun bol batemos os ovos e o resto do azucre, botámolo na pota e remexemos ben cun garfo. Canto máis rompan o miolo e a codia do pan/rosca, máis fino quedará o pudin.proceso3
  5. Prequentamos o forno a 200º
  6. Enchemos o molde co contido da pota e cocémolo a 140º durante 40 minutos, ou ata que estea dourado por riba. Se sobe no medio non vos preocupedes, volverá quedar plano máis tarde:proceso4
  7. Cando estea frío, pasamos un coitelo polos bordes para separalos mellor e desmoldámolo nun prato. Nas fotos podedes ver que quedou un oco, foi porque se xuntou demasiado caramelo nese punto: o que sobrou quedou pegado ao molde.

Nota: se queredes que quede máis bonitiño, sacádelle a codia ao pan ou á rosca antes de metelo no leite.

Que aproveite!

pudin4pudin1

pudin3


Comments

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *