Queique de amorodo

Xa hai tempo que quería facer un queique con amorodos dentro (e non por riba) pero tiña medo que o zume cortara a masa. Ao final atopei unha receita do sur dos Estados Unidos (perdín a ligazón :S) que ben serve para facer un pastel de aniversario ou como merenda para unha tarde especialmente larpeira.

Aínda que eu non o fixen, penso que o acompamento ideal sería unha bóla de xeado de vainilla ou nata batida. MMMMHHHH! Leva moita manteiga, pero o resultado final é moi lixeiro!

Ingredientes (para 10 racións aprox.)

150 gramos de amorodos en cachiños

250 gramos de azucre

325 gramos de fariña

200 gramos de manteiga (do tempo)

2 ovos grandóns

1 vaso de leite enteiro

3 culleres de zume de limón

3 culleres de xelatina de amorodo

1/2 culleriña de extracto de vainilla

1/2 culleriña de bicarbonato sódico

Un belisco de sal

Aceite de xirasol para engraxar o molde

Azucre glas para a decoración

manteiga

  1. Quentamos un chisco a manteiga no microondas, sen que chegue a derreter. Botámola nun bol co azucre e batemos ca batidora ata facer unha crema branquiña.
  2. Botamos unha culler de zume de limón no vaso de leite e deixamos repousar 15 minutos. Isto é a versión caseira do buttermilk, e ha servir para que o bicarbonato funcione coma fermento.
  3. Prequentamos o forno a 170º.
  4. Nun prato fondo mesturamos a fariña co bicarbonato, a xelatina e o sal.
  5. No bol do paso 1 engadimos os ovos, o resto do zume e mailo extracto de vainilla, batemos.
  6. Engadimos o leite e a mestura da fariña a modiño, batendo ben para que non queden grumos. A masa irá quedando cada vez máis rosiña polo efecto da xelatina.
  7. Engadimos os amorodos e batemos un chisco máis:prep1
  8. Engraxamos un molde que sexa un pouco fondo.
  9. Cocemos no forno durante 30-40 minutos, ou ata que ao meter un coitelo saia seco. Deixamos arrefriar (mellor encima dunha reixa, para que saia a humidade) e decoramos cun pouco de azucre glas.queique_amorodos5queique_amorodos4

Que aproveite!

 

 

 


Comments

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *