Queique de limón

Os que ledes a páxina a cotío xa vos decatastes de que teño unha especie de fixación cos queiques e galletas. Desta vez probei unha receita un pouco distinta, pola súa textura e por ir empapada en zume e quedei encantadísima.

A receita é unha adaptación desta de Jamie Oliver, pero facéndoa con fariña normal e quitándolle un pouco de manteiga. Teño que dicir que a cobertura quedou moito menos branca que na foto e a consitencia era moi líquida, o que fixo que tivese que limpar o mesado despois da operación 😀 A pesares da desfeita, pagou a pena: dalle un toque acedo e intenso o queique que é moi adictivo.

Se queredes probar máis queiques, recoméndovos este de améndoas, laranxas e mandarina, ou agora que xa estamos na primavera, este de amorodos.

Ingredientes (para 10-12 racións)

250 gr. de manteiga (ou margarina) tépeda

270 gr. de fariña triga, máis un chisco para o molde

270 gr. de azucre

4 ovos grandes

3 limóns

2 laranxas

2 culleriñas de fermento químico (tipo Royal)

100 de azucre glass para a cobertura

Un belisco de sal

  1. Prequecemos o forno a 190º.
  2. Cun pouco da manteiga untamos o molde e botámoslle un chisco de fariña espolvoreada por riba.
  3. Nun bol grande batemos a manteiga e o azucre durante cinco minutos, ata que estea mes mesturada e teña aclarado un pouco a súa cor.
  4. Engadimos os ovos e a reladura dunha laranxa e dous limóns, seguimos batendo.
  5. Engadimos a fariña, o sal e o fermento, tamizados.
  6. Engadimos o zume dun limón e media laranxa, mesturamos ata que a masa estea homoxénea.
  7. Metemos no forno e cocémos o queique durante 40 minutos, ou ata que este dourado por riba e ao meterlle un pincho (ou coitelo) saia limpo.
  8. Deixamos arrefriar 5 minutos, desmoldamos e despois deixámolo nunha bandexa de rexas, para que lle dea o aire por baixo tamén, ata que estea completamente frío.
  9. Facemos a cobertura: mesturamos o azucre glass coa reladura e o zume de medio limón e un cuarto de laranxa. Botámolo por riba e servimos.

Que aproveite!

queique_1


Comments

  1. Que bo¡¡¡, ademais o de Jaime Olivier sen glute, xa me falta tempo para facelo. Xenial, parabén pola receita.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *