Queique de pistacho e chocolate branco

Os froitos secos fan moito avío na repostería, a mín encántame usalos e probar cousas distintas, coma este queique que vin na páxina de “Ruby bakes”, un festival para os que lle gusten os queiques e galletas. O resultado non puido ser mellor, un queique esponxoso e cun toque salgado, que combina á perfección co toque larpeiro do chocolate branco.

Se tendes aniversarios ou picnics que celebrar, non dubidedes en facer este queique, ides triunfar!!! Se queredes ver máis receitas con froitos secos, podedes probar con estes pasteis de noces e dátiles, esta torta de cacao e améndoas ou estas madalenas de nata e noces.

Ingredientes (para un queique 6-8 racións)

150 gr. de pistachos sen casca

180 ml. de aceite de xirasol

180 gr. de azucre

3 ovos

75 gr de fariña

1 culleriña de fermento químico, tipo “Royal”

1 culleriña de extracto de vainilla

1/4 culleriña de noz moscada (opcional)

Un belisco de sal

Para a cobertura

100 gr. de chocolate branco

30 ml de nata líquida (eu usei a de cociñar, pero vale a de bater tamén)

  1. Prequecemos o forno a 170º
  2. Nun prato fondo mesturamos os pistachos, a fariña, o fermento e o sal. Deixamos aparte dúas culleriñas de pistachos para a decoración.
  3. Nun bol batemos o azucre co aceite, os ovos e o extracto de vainilla, ata facer unha pasta homoxénea.
  4. Imos engadindo a mestura dos pistachos a modiño mentres seguimos batendo coa batedora.
  5. Engraxamos un molde de 22 cm. de diámetro (máis ou menos) e vertemos a masa.
  6. Cocemos no forno a altura media durante 30 minutos,ou ata que ao meter unha agulla de calcetar ou coitelo saia seco. Deixamos arrefriar e volcamos nun prato, co de abaixo (a parte lisa) cara arriba.
  7. Para facer a cobertura, escachamos o chocolate en anacos pequenos, e metémolo nunha pota a lume medio. Cando comece a derreter botamos a nata e remexemos ata que a pasta deixe de ter grumos. Coa axuda dunha espátula estendémola por riba do queique e botamos os pistachos picados que quedaron de decoración.

Que aproveite!

queique-pistacho-1

 


Comments

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *