Queique de plátano con chocolate e noces

Un queique MOI calórico pero que está delicioso, e ademáis, aguanta ben unha semana se o gardades nun sitio fresco e seco (no frigorífico non, que colle humidade!)

Ingredientes:
150 gr de fariña
30 gramos de cacao
2 culleriñas de levadura química
½ culleriña de bicarbonato (se non tendes, botade un chisco máis de levadura)
½ culleriña de sal
125 gr de manteiga (derretida)
150 gr de azucre
2 ovos grandóns
4 plátanos pequenos (moi maduros)
60 gr de noces esmagadas
100 de chocolate negro en anaquiños
1 culleriña de extracto de vainilla

  1.  Prequentar o forno a 170º
  2. Nun bol mediano, botar a fariña, a levadura, o bicarbonato e o sal e remexer (cas mans ou cunha culler de pau).
  3. Nun bol grande, botar a manteiga derretida e azucre, bater ata que estean ben mesturados. Engadir os ovos, un de cada vez, mentres se bate. Esmagar os plátanos cun garfo e botar a pasta no bol.
  4. Engadir o chocolate, as noces e o extracto de vainilla, seguir batendo. Botar a mestura do bol mediano, un tercio de vez, remexendo ben.
  5. Verter a masa nun molde untado con chisco de manteiga morna ou aceite de xirasol. Mellor se o molde é cadrado, para poder facer rebanadas despois, as medidas aproximadas serían 23 x 13 x 7cm. Podédes facer tamén queiques individuais en boles de cerámica de fondo redondeado. Cocer no forno a 180º durante  30 minutos. Para saber se  está listo, meter un coitelo, e se sae case limpo é que xa está.

Nota 1: Este queique vai moi ben para aproveitar eses plátanos ennegrecidos que ás veces quedan no froiteiro. Como xa vos comentara na receita de batido de amorodos, pódense conxelar perfectamente: un truco para que a polpa non perda cor é aderezala con zume de limón antes de conxelar.

Nota 2: Se tendes tazas de café grandes con fondo redondo, e un chisco de paciencia, podédelas usar de moldes e facer tartiñas individuais, ou aproveitar a masa que non caibe no molde, coma na foto.

Redondiño e esponxoso

Redondiño e esponxoso

Que aproveite!


Comments

  1. Non sei se surará esa semana que dis… ;))

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *