Queique de polenta e pera

A polenta é millo seco e moído, que se pode comer coma un puré (é moi típico no centro e norte de Italia) ou usar mesturado con fariña para queiques e galletas, xa que lles dá unha textura moi especial, moi compacta e ao mesmo tempo moi tenra.

Este doce admite moitas variacións na parte da froita: pódese facer con mazá, arandos, ameixas…etc. Tamén se lle poden engadir froitos secos por riba, a améndoa quédalle moi ben á pera.

Se che gustan os doces a base de millo, podes visitar esta receita de queique de millo, ou estas marabillosas galletas de millo e chocolate.

Ingredientes (para un queique de 8 ou 10 porcións)

250 gr. de azucre

225 gr. de fariña

150 ml. de aceite de xirasol, máis un pouco para o molde

80 gr. de polenta

2 peras grandes, peladas, sen carozo e cortadas en anacos de 1x1cm aprox.

2 ovos grandes

Reladura dun limón

Dúas culleres de fermento químico

Media culleriña de sal

  1. Prequecemos o forno a 180º, polos dous extremos.
  2. Engraxamos un molde rectangular cunha culleriña de aceite de xirasol e colocamos papel de forno no molde, que quede ben pegado.
  3. Esparexemos unha culleriña de azucre sobre o papel, e estendemos as peras cortadas, ocupando toda a superficie.
  4. Nun bol grande, mesturamos os ovos, o azucre e a reladura de limón, batendo ben.
  5. Noutro bol mesturamos a fariña, a polenta, o fermento e o sal. Imos engadindo e batendo esta mistura no bol do paso anterior.
  6. Vertemos no molde e cocemos no forno durante 45-55 minutos. Andade con ollo porque cada forno é distinto.
  7. Cando a superficie estea ben dourada, pinchamos cunha agulla de calcetar, e se sae seca é que xa está listo.
  8. Deixamos arrefriar nunha bandexa de rexas, estará máis bo pasadas unhas horas.

Que aproveite!


Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *